FOTO PRESUPUESTOS XUNTA COMARCA FERROL

O PP de Ordes cualifica “friccións propias dun goberno” os desencontros con dous concelleiros

O Partido Popular de Ordes, a través da súa portavoz, Susana García, cualificou hoxe de “friccións propias do traballo do goberno municipal” os desencontros que levaron a dous dos seus concelleiros, Luís Caamaño e Beatriz Martínez, a solicitar esta mañá a baixa temporal no partido, e a presentar un escrito no que anuncian que ambos pasan a formar parte do grupo de non adscritos no Concello de Ordes.

Desde o grupo popular aseguran que desde o executivo local “traballarán sen descanso para manter a gobernabilidade” do concello.

“Cremos que en todos os equipos de traballo, e como produto do día a día, pode haber puntos de vista diferentes, igual que sucede en moitas das nosas familias”, afirmou García, quen asegurou que, de todos os xeitos, “hai moitas outras maneiras de buscar unha solución”.

Portas abertas
Sobre este punto, a portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Ordes afirmou que o executivo local “mantén as portas abertas e a man tendida” para “reconducir” a situación, e indicou que este tipo de problemas “soluciónanse mellor dialogando que rompendo polo san”.

Neste sentido, García avogou por deixar de lado “os problemas e as tensións internas” e centrarse en seguir adiante co proxecto que contou coa confianza maioritaria dos veciños de Ordes nas eleccións municipais do 2015.

“Debémonos á xente de Ordes e desde o executivo local imos seguir traballando e pensando en cómo podemos facer que o seu día a día sexa un pouco mellor”, concluíu a popular

Deja una Respuesta