Comarcal Ordes (22-03-2017)

O PP de Ordes ve intereses políticos nos últimos movementos de Beatriz Martínez

O Partido Popular de Ordes interpreta as recentes críticas da concelleira non adscrita Beatriz Martínez en relación coa xestión do alcalde e o seu equipo de Goberno a unha estratexia dirixida a preparar a súa aterraxe nalgunha formación política coa que poder concorrer ás Eleccións Municipais de 2019, na órbita do anterior rexedor, Manuel Regos (UXO).

Sorprende que as propostas e maneiras autoritarias de facer política desta concelleira garden notables semellanzas coas de UXO e sorprende tamén que nas súas comunicacións públicas empregue agora o castelán, feito que ben pode obedecer a unha manobra de despiste ou a un autoodio soterrado que a leva a renegar das súas orixes.

O acercamento de Beatriz Martínez ao entorno de UXO e do anterior alcalde non só se produce no plano persoal, senón que se estende ao ámbito político, atacando a xestión desenvolvida polo actual alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo e o seu equipo de Goberno, que levan máis de dous anos centrados en sanear as contas do Concello e subsanar moitas das carencias que UXO legou como herdanza, entre estas solucionar certas incidencias coas suministradoras eléctricas en instalacións e equipamentos municipais, e que agora suscitan tanto entusiasmo por parte da concelleira non adscrita.
Sorprende tamén que Beatriz Martínez se interese agora por introducir criterios de racionalidade no consumo eléctrico do Concello, cando esta é unha prioridade para o equipo de Goberno desde o primeiro momento. Cómpre recordar que ao longo de 2017 se contratou e realizou unha auditoría enerxética de todo o servizo de iluminación pública do Concello, e se manteñen continuas comunicacións con responsables das subministradoras eléctricas para regularizar alumeados públicos ou incidencias como as que se detectaron no contrato do tanatorio do Balado.

Ata tal punto chega a incoherencia, que un dos motivos de fricción que levou a Martínez a pasar ao grupo de non adscritos foi o seu intento de instalar farolas municipais, indiscriminadamente e sen criterio algún, bordeando a legalidade, pretensión que lle foi negada e que provocou o seu enfado.

Sorprende que a concelleira Martínez pretenda outorgarse agora a representatividade dos ordenses, cando a realidade acredita a súa descoñexión coa veciñanza. Recentemente promoveu, con escaso éxito, unha recollida de sinaturas en contra da aprobación inicial do novo sistema de ORA gratuíta impulsada polo pleno do Concello, tras a petición formulada pola asociación de comerciantes en marzo do ano 2017. Mais da metade das cen sinaturas presentadas corresponden a persoas non empadroadas no concello de Ordes e a familiares directos da propia concelleira.

Pero a incoherencia non é nova. Nos meses posteriores ao seu paso ao grupo de non adscritos, Martínez coqueteou con outras agrupacións políticas representadas no Concello ao fin de buscar desbancar o goberno local do Partido Popular. A continuación dedicouse a verter falsas acusacións e difamacións contra o labor do Goberno, e en menos de un ano todo semella que está a preparar o terreo para o seu desembarco noutra candidatura.

Deja una Respuesta