FOTO 1

O PP de Oroso leva a pleno melloras para San Román de Pasarelos

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, presentará no próximo pleno unha moción na que a súa formación demanda a realización de varias melloras na parroquia de San Román de Pasarelos.

En concreto, os populares, e tras manter varias reunións cos veciños da zona, esixen ao executivo local que proceda, o máis axiña posible, a dotar de auga ao cemiterio da parroquia, e que, da mesma maneira, se leve a cabo a limpeza dos perímetros do lavadoiro, que nestes momentos atópanse cheos de maleza.

Ademais, a moción do Partido Popular de Oroso incluirá tamén a petición para que o goberno municipal repare as fugas que hai no tanque de auga desta parroquia, e que están a xerar problemas na zona.

“Temos a sensación de que o goberno local preocúpase pouco ou nada polos veciños de San Román de Pasarelos”,subliñou Doval, quen puntualizou que, a pesar de ser unha das parroquias menos poboadas de Oroso, lembrou que a xente que vive aquí “ten os mesmos dereitos que calquera outro veciño porque pagan os impostos como o resto”.

 

Sen actos o Día de Galicia

Por outra banda, desde o grupo municipal do Partido Popular aproveitarán o pleno municipal para criticar que o goberno local non organizase ningún tipo de acto para conmemorar o Día de Galicia celebrado este mércores, un feito que, segundo Doval, resulta “inxustificable”e “pouco comprensible”desde o punto de vista cultural e institucional.

“Debemos de ser o único municipio de Galicia que non ten ningún acto programado para un día tan sinalado”, afirmou o popular, quen considera que esta situación é unha proba máis de que a “desidia”e o “desinterese”apoderáronse do goberno local.

Por último, e noutra orde de cousas, os populares apoiarán a proposta para o nomeamento de José Miguel Couselo Sánchez, oriúndo de Oroso e xefe de pediatría da Unidade de Hematoloxía e Oncoloxía do CHUS, como fillo predilecto do municipio, e apoiarán que lle impoñan a insiginia de ouro do Concello.

 

 

 

Deja una Respuesta