IMG_3011

O PP de Oroso vota en contra da Conta Xeral polas mentiras do Concello

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, encabezado polo seu portavoz, Alexander Doval, xustificou hoxe o voto en contra da súa formación á Conta Xeral presentada polo goberno local, despois de comprobar que o concello mentira sobre o estado das contas municipais.

En concreto, Doval xustificou o cambio de postura dos populares, que se abstiveron na comisión especial de contas, despois de que o alcalde, Manuel Mirás, non explicase os motivos polos que o remanente do concello pasara a ser negativo, cando o goberno local comunicara que era positivo.

“Nas notas de prensa que o goberno local envía aos medios e na web municipal eliminouse o cualificativo negativo e só fálase dun remanente de 48.000 euros”, indicou Doval, quen asegurou que levou unha “sorpresa moi desagradable ao comprobar que o remanente é negativo en lugar de positivo”.

Para o portavoz dos populares, este feito, ademais de ser o “suficientemente grave” como para votar en contra da Conta Xeral, é unha proba máis de que o rexedor trata de “facernos parvos a todos os veciños de Oroso”.

Por último, o grupo municipal dos populares aproveitou o pleno celebrado onte para solicitar a limpeza das sendas peonís que van desde O Portiño ata a Estación de Oroso, e o mantemento e limpeza do cemiterio municipal de Marzoa.

Deja una Respuesta