20151125 Agustín Hernández

O PP de Santiago, preocupado polo retraso na entrega de oito vehículos á Policía Local

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, amosa a súa preocupación pola tardanza na entrega de oito coches da Policía Local e recorda que hai xa ano e medio quedara canalizada a adquisición dos vehículos, coa correspondente consignación orzamentaria e cos pregos técnicos e os estudos económicos elaborados. Neste senso, o concelleiro popular insta ao Goberno de Compostela Aberta a que impulse as xestións necesarias para a incorporación o antes posible dos vehículos requiridos pola Policía Local.

Sánchez-Brunete advirte do estado de precariedade no que se atopa o parque móbil da Policía Local, que conta con máis de vinte coches que acumulan, a maioría deles, demasiados anos e quilómetros de usos. Neste senso, o concelleiro popular informa de que, polo menos, hai catro que teñen entre 14 e 18 anos: “O parque móbil conta con vehículos que teñen máis de 300.000 quilómetros. A acumulación de tempo e de uso está xerando problemas de operatividade que obrigan a que en ocasións estean máis de tres vehículos parados en taller”.

Tal e como subliña o grupo popular, a modernización da flota non é un capricho, senón “un investimento para unha mellor prestación do servizo”, co fin de garantir os tempos de resposta, reducir riscos e mellorar a propia imaxe do concello. A adquisición dos oito vehículos xa figuraba no documento de traspaso de poderes como unha das prioridades que debía de abordar o Goberno de Compostela Aberta: “É incomprensible que ano e medio despois continúe sen atender unha demanda urxente da Policía Local e sen adaptar os medios ás necesidades de servizo de dito corpo e da propia cidade”.

Deja una Respuesta