20170203_MTellado_Santiago_0003

O PP de Santiago conformará un proxecto de cidade "pegado ao terreo"

O presidente do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, acompañado dos concelleiros do Grupo Municipal Popular, María Corral e Alejandro Sánchez-Brunete, mantivo, esta mañá, unha xuntanza de traballo co secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, para coordinar as próximas accións políticas e abordar a estratexia de traballo dos seguintes meses.

Neste senso, Agustín Hernández anunciou unha rolda de contactos con veciños e colectivos sociais e profesionais polos barrios e parroquias de Santiago, “co fin de coñecer as súas inquedanzas e poder trasladalas ao día a día do concello”. “Será -engadiu- un traballo pegado ao terreo”, porque o obxectivo marcado é “conformar un proxecto de cidade ilusionante, realista e que conte, tamén, coas sinerxias, experiencia e achegas do PPdeG”.

Tal e como puxo de manifesto o presidente local, o grupo popular é a única forza política que fai oposición no concello de Santiago: “O goberno de Compostela Aberta é un goberno en minoría que sobrevive grazas ao apoio do BNG e do PSdeG”. “Fronte a este goberno local
-salientou Agustín Hernández- que non cre na cidade nin na resolución dos problemas, que non está na labor do día a día nin na xestión das cuestións que preocupan aos veciños; hai un Partido Popular que está vixiante e levando a cabo un traballo propositivo”.

O presidente popular finalizou destacando que para o Partido Popular “Santiago está por riba de todo”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PPdeG sinalou que “Santiago é o digno exemplo do que é o fraude das Mareas de Podemos”, xa que quen ía traer a rexeneración democrática, hoxe, na capital de Galicia, conta con dous membros do goberno local investigados. Do mesmo xeito, denunciou que “Santiago é unha cidade que non avanza, que está sumida na máis absoluta parálise” e que esta inacción está a provocar frustración nos veciños, que ven un goberno que non soluciona os seus problemas. “As Mareas de Podemos non só non fan, senón que desfán o que deixou en marcha o anterior goberno do Partido Popular”, sentenciou Miguel Tellado.

Deja una Respuesta