20151013 Fotografía RP Leite galego

O PP de Santiago insta ao goberno a que non suba os impostos

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Alejandro Sánchez Brunete, en declaracións á Cadena Cope Santiago, criticou a intención do executivo de Compostela Aberta de levar a cabo unha subida xeneralizada dos impostos para o 2016, que incidirá de forma negativa nas familias e na actividade económica de Santiago. Neste senso, referiuse ao Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para o que o actual Goberno local contempla un incremento do 3% para autobuses, camións e tractores; e unha subida do 7% para turismos, motos e ciclomotores. O concelleiro popular lamentou “a irrealidade absoluta” na que vive o executivo municipal e considerou paradóxico que, no momento en que o Goberno do Estado e a Xunta de Galicia dan pasos para baixar os impostos, “Compostela Aberta vaia a contracorrente”. Por todo isto, o Grupo Popular insta ao actual executivo a que recapacite e dea marcha atrás nesta política abusiva de impostos.

Renovación flota autobuses urbanos
O representante do PP amosou, tamén, a súa preocupación pola ausencia de noticias con respecto á renovación da flota de autobuses urbanos. Neste senso, anunciou unha pregunta oral, para a súa contestación no vindeiro pleno de novembro, co fin de que o actual Goberno informe dos plans sobre dita contratación. Tal e como informou Sánchez Brunete, este foi un dos temas prioritarios que o goberno do PP puxo enriba da mesa no momento do traspaso de poderes, e incidiu en que no mes de xuño xa quedara ultimado o prego de condicións para a contratación de once autocares.

A renovación de vehículos suporá, ademais de mellorar a imaxe da flota, contar con autobuses máis eficientes, sostibles e accesibles. Alejandro Sánchez Brunete lamenta que vaian alá catro meses perdidos e bota en falta “unha maior dilixencia” por parte do goberno. No prego de condicións aparece reflectido un plan de renovación do material móbil a executar en varios exercicios que, para o 2015, correspondería a incorporación destes 11 autobuses. Por todo iso, o grupo popular insta ao Goberno local a que dea conta de todas as xestións realizadas ata o momento para facer efectiva o antes posible a renovación do servizo de transporte urbano colectivo.

Deja una Respuesta