agus

O PP de Santiago reclama o 26% da paga extra para os traballadores

O Grupo Municipal do Partido Popular insta ao actual equipo de goberno a que este mesmo ano abone aos traballadores municipais o 26,23% da paga extraordinaria correspondente a 2012, xa que tal e como subliña, a boa situación económico - financeira do concello fai posible o abono de dita parte, equivalente a 48 días. Neste senso, solicítanlle que non demore máis o pago para que se faga efectivo este ano a devolución dese 26% de paga extra, que se sumaría ao 25% abonado no 2014.

Tal e como lembra o grupo popular, os concellos víronse na obriga de suprimir a paga extraordinaria de decembro de 2012 polas medidas de axuste adoptadas polo Goberno central, para facer fronte a unha conxuntura económica complicada. Unha decisión que se tomou coa vontade de devolvela cando as circunstancias melloraran. Neste senso e tal e como informan os populares, o concello de Santiago ten crédito suficiente para proceder ao pago este mesmo ano da parte detraída da paga extra. Este é un exemplo máis da boa xestión do goberno do Partido Popular, quen fixo cumprir, tamén, coa estabilidade orzamentaria no 2014 e logrou rebaixar o período medio de pago de máis de 100 días, en 2011, a 16,34 días, no mes de xuño de 2015.

Por todo isto, os populares trasladaranlle unha pregunta escrita ao actual equipo de goberno para que informe dos seus plans con respecto a dito pago e se o vai abonar neste exercicio 2015, visto que é factible, ou se pola contra vai optar por atrasar a devolución ata o próximo ano, algo que para o grupo popular sería inxustificable, xa que non hai motivo para demoralo máis.

Plan Director Catedral

O Grupo Municipal amosa a súa satisfacción pola sinatura, esta mañá, do convenio de colaboración para o desenvolvemento e execución das actuacións de conservación e restauración da Catedral de Santiago de Compostela. Tal e como subliñan os populares, o investimento de 17 millóns de euros supón “unha achega imprescindible” para o arranxo da Catedral, que permitirá que a fundación conte cos recursos necesarios para afrontar a rehabilitación.

 Os populares recordan que, ademais desta inversión, o Goberno central, a través do Ministerio de Fomento, destina, nos orzamentos para 2016, 440 mil euros para a restauración do cimborrio. “O compromiso do Goberno central co patrimonio de Santiago de Compostela é firme”, sentencian.

 

Deja una Respuesta