FOTO SANTIAGO

O PP pide garantías para cumplir a ordenanza de inspección de edificios

Os concelleiros do Grupo Municipal do Partido Popular, Teresa Gutiérrez e Alejandro Sánchez Brunete, ofreceron, esta mañá, unha rolda de prensa para informar da batería de preguntas orais que presentan no vindeiro pleno, relativas á ordenanza reguladora do Informe de Avaliación de Edificios, ao plan de mobilidade e a celebración dun acto político nun centro sociocultural da cidade.

Tal e como recordou a concelleira popular, o pasado mes de marzo foi aprobada a Ordenanza Reguladora do Informe de Avaliación de Edificio, que entrou en vigor o 10 de xullo de 2015. Ante a falta de novas con respecto ás medidas que o novo goberno está a tomar en materia de conservación de edificios, o grupo popular solicita información acerca de que tipo de actuacións está a adoptar o actual Goberno local para darlle cumprimento ás determinacións e aos prazos contidos en dita normativa. “Entre as tarefas máis urxentes está a apertura dun rexistro no que se recollan os informes do estado dos edificios e informar aos propietarios. ¿Está o goberno traballando no cumprimento da ordenanza?”, incidiu Teresa Gutiérrez, quen amosou a súa preocupación, xa que este ano terían que ter realizado o informe correspondente aqueles edificios con máis de 70 anos e o concello verter así estes primeiros datos no rexistro.

O obxectivo da ordenanza non é outro que regular o cumprimento da obrigación de conservar as edificacións e que estas reúnan os requisitos básicos de seguridade, habitabilidade, funcionalidade, accesibilidade e usos esixibles. “É, en definitiva, unha ordenanza encamiñada a potenciar a conservación, a rehabilitación e a rexeneración do noso patrimonio”, destacou Teresa Gutiérrez.

Pola súa banda, Alejandro Sánchez Brunete informou sobre a segunda das cuestións, relativa á intención do goberno de elaborar un novo plan de mobilidade. Neste senso, insta ao Goberno local a que informe de que aspectos non lle convencen do actual documento para xustificar a elaboración dun novo. Neste mesmo senso, lamenta o “exceso de revisionismo” do actual executivo municipal, ao preferir romper co anterior documento en lugar de optar pola revisión e actualización do texto. “O razoable é explicar primeiro que non vale do plan vixente e que aspectos terían que modificarse”, salientou.

Por último, o concelleiro popular referiuse ao acto “de natureza política” que tivo lugar no centro sociocultural de Conxo, o pasado mes de agosto. Tal e como explicou Sánchez Brunete, o uso para actos políticos de ditas instalacións está restrinxido para o período electoral, polo que o grupo popular amosa a súa sorpresa pola apertura do centro sociocultural de Conxo, en contra dos criterios aprobados nunha Xunta de Goberno.

 

Deja una Respuesta