20160107 Agustín Hernández

O PP pide a marcha de Manolo Dios pola súa nefasta xestión nos comedores escolares

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, denunciou a situación caótica reiterada na contratación do servizo dos comedores escolares. Neste senso, insta ao alcalde a que “lle retire, sen máis dilación, as competencias de Educación a Manolo Dios, pola súa nefasta xestión”. “Excedeuse -continuou- a liña do que é razoable”.

O voceiro popular insta, tamén, a que o alcalde explique que responsable municipal permitiu sen a existencia dun contrato a prestación deste servizo. Nesta mesma liña, Agustín Hernández recordou que, dende mediados de novembro, Serunión finalizou a súa relación contractual co concello, tras darse por finalizado o contrato ponte que se firmara a comezos do mes de setembro, por 45 días, en tanto que non se resolvese a licitación. “É curioso que a empresa que, alegando problemas de organización empresarial, retirara do procedemento de licitación a súa oferta, estea prestando agora o servizo de forma indefinida en precario”, subliñou Agustín Hernández. “¿A que acordo chegou o concello -engadiu- coa actual prestataria do servizo e quen foi o interlocutor por parte da administración?”.

En resposta ás declaracións feitas polo concelleiro de Educación, Agustín Hernández subliñou que “a intranquilidade que estamos a vivir é froito da incompetencia do concelleiro”. Polo cúmulo de despropósitos arredor do contrato do servizo de comedores, o voceiro popular insta ao alcalde a que lle retire as competencias ao concelleiro de Educación e “poña orde” de inmediato. “Nestes momentos, estase a prestar un servizo en precario e sen ningún tipo de garantía”, finalizou.

PROGRAMACIÓN NADAL
O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, cualificou de “oportunidade perdida” para Santiago a programación de Nadal, debido ao cúmulo de despropósitos e de improvisacións do Goberno local á hora de planificar e organizar estas datas. Neste senso, o representante popular destacou que “foron unhas festas nas que primaron tres premisas: tarde, mal e rastro”, tal e como se viu na tardanza da instalación do alumeado; na mala localización das actividades, coma o traslado do mercado de Nadal á Nave 5 e a “ocultación” do Belén na Igrexa de San Fiz; e a aprobación da programación a mesma véspera da Cabalgata, coa convocatoria dunha Xunta de goberno urxente e extraordinaria.

Agustín Hernández considerou que o lóxico sería desenvolver unha programación que contribuíra a revitalizar a cidade e a dinamizar a hostalaría e o pequeno comercio. Para o voceiro popular, “o Goberno local roubounos o Nadal”. Do mesmo xeito, o voceiro popular cualificou de “decepcionante” a Cabalgata de Reis, máis propia das datas do Entroido que do Nadal. “Este goberno rouboulle aos nenos e nenas a posibilidade de vivir un ambiente tradicional e de ilusión”, destacou.

Sen noticias do orzamento municipal
O representante popular lamentou a falta de noticias do orzamento municipal: “Continuamos cun goberno inoperante e sen proxecto de cidade”. Neste senso, Agustín Hernández recordou que o pasado 30 decembro o grupo popular solicitoulle ao equipo de goberno unha copia do anteproxecto e unha reunión posterior que, a día de hoxe, aínda non foi contestada.

O voceiro indicou que “é lamentable” que dende o 29 de outubro, data na que a concelleira de Facenda remitiu un correo electrónico ao grupo popular solicitando achegas ao anteproxecto –comunicación que foi contestada o 16 de novembro-, non se teñan máis noticias ao respecto. “Este goberno camiña na senda das urxencias e das improvisacións continuas”, denunciou Agustín Hernández, quen finalizou instando ao alcalde a que non demore máis a entrega da documentación e fixe unha reunión o antes posible.

Deja una Respuesta