IMG_0139

O PP de Santiago pregunta pola concesión dos postos da Nave 5

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, visitou, esta mañá, o Mercado de Abastos para “demostrar a ficción do Goberno local con respecto á Nave 5”. “Compostela Aberta asegurou que desbloqueara a Nave 5 -engadiu o voceiro popular-, pero pasados 18 meses, o que temos é un espazo baleiro”. E é que tal e como explicou, dos dez postos sacados a concurso, “unicamente se adxudicaron tres e, aínda así, non están ocupados”.

Tras comprobar a falta de actividade e lamentar, ademais, que todo o que acontece arredor da Nave 5 é unha incógnita, Agustín Hernández anunciou unha pregunta oral que o grupo popular formulará no vindeiro pleno, co fin de que o Goberno local aclare as previsións con respecto ao novo proceso de concesión dos sete locais pendentes de adxudicar da Nave 5, así como a solución que adoptará para resolver o problema que actualmente ten enriba da mesa. “Resulta urxente regular e normalizar canto antes o funcionamento deste espazo emblemático da nosa cidade, o segundo edificio máis visitado de Santiago, despois da Catedral”, destacou o portavoz popular.

“Este é un goberno que fala de supostos inimigos externos para agochar a súa inoperancia. Martiño Noriega fala de que hai intereses externos para que as cidades do cambio non progresen. Pero aquí, na Nave 5, comprobamos que non hai ningún inimigo externo, senón a incompetencia propia de Compostela Aberta”, salientou.

Tras o anuncio por parte do Goberno local de abrir un novo proceso para cubrir os sete locais baleiros, o grupo popular ínstao a que resolva o dilema no que se atopa: licitar de novo os postos que quedan baleiros, coas mesmas condicións establecidas no prego anterior; ou, pola contra, modificalo. Tal e como subliñou Agustín Hernández, Compostela Aberta ou “opta por un prego coa mesma ambigüidade e a mesma inseguridade xurídica que o anterior ou opta porque a Nave 5 quede suxeita a diversos réximes de explotación. Tras as últimas declaracións da concelleira de Desenvolvemento Económico e Turismo, nas que aseguraba que o prego sufriría modificacións, o portavoz salientou que, en función do tipo de axustes, “pode darse que os tres adxudicatarios actuais poidan sufrir algún tipo de agravio comparativo en relación cos futuros adxudicatarios”, salientou.

En febreiro de hai un ano, o grupo popular presentaba unha moción -que foi aprobada polo pleno e “desprezada”, máis tarde, polo Goberno de Compostela Aberta- para que o concello convocase unha consulta pública coa cooperativa que xestiona a praza e coa Asociación de Hostalaría, para que dunha forma conxunta se abordaran as condicións do concurso para a concesión dos dez postos libres. Do mesmo xeito e logo dese proceso de consulta, procederíase á tramitación do concurso: “O que formulabamos era lóxico: primeiro, pulsar a opinión de todas as partes; e, segundo, definir un modelo de xestión unánime que potenciase a actividade do conxunto da Praza de Abastos”.

Compostela Aberta desoía a proposta do grupo popular e abría, o pasado mes de abril, un proceso licitación dos dez locais da Nave 5. “Un proceso que rematou nun rotundo fracaso, con tan só tres dos dez postos sacados a licitación”, polo pouco interese que espertou -a poucas empresas lles pareceu interesante a proposta-; e pola ambigüidade e a inseguridade xurídica dos pregos. “Advertimos de que o procedemento era precipitado, advertimos de que o prazo para a presentación de ofertas era escaso e advertimos da necesidade de consensuar as características dos postos coa cooperativa da praza. Agora, temos este resultado: onde había una oportunidade, hoxe temos un problema”, sentenciou Agustín Hernández.

Deja una Respuesta