20150928 Fotografía PP_Garda Civil e AP9_

O PP presenta unha emenda aos Orzamentos para a rehabilitación do cuartel da Garda Civil

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, acompañado da senadora María Jesús Sainz, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para informar de que o PP presentará hoxe no Senado unha emenda aos Orzamentos Xerais do Estado, co propósito de conseguir unha inversión dun millón de euros para acometer o vindeiro ano a redacción do proxecto e o inicio das obras de rehabilitación e mellora no cuartel da Garda Civil de Santiago de Compostela. Esta reforma contempla, ademais, a ampliación dunha serie de unidades que, actualmente, non gozan do espazo adecuado para a realizacións das súas actuacións. “É unha emenda consensuada, falada e apoiada dende a propia Dirección Xeral da Garda Civil, que responde a unha análise detallada e realista e que pretende levar a cabo unha verdadeira reforma que solucione os moitos problemas que ten actualmente o cuartel”, salientou o voceiro popular.

“No 2016, iniciaríase, por unha banda, a redacción do proxecto e, por outra, a execución das obras”, explicou Agustín Hernández, quen informou de que con este plan os traballos rematarían no 2018. A contía total para a rehabilitación ascende a máis de 8 millóns de euros.

O acuartelamento de Santiago de Compostela foi construído en dúas fases: unha primeira, en 1970, constituída por seis bloques de catro plantas; e, unha segunda, en 1973, formada por tres bloques de catro plantas e un bloque de cinco plantas. En total, a superficie ocupada é de 8.300 m2. A día de hoxe, o inmoble presenta un estado de bastante deterioro, no que se poñen de manifesto unha serie de deficiencias nas cubertas, fachadas, instalación eléctrica, saneamento e accesibilidade.

Ademais de arranxar estes problemas, o Partido Popular propón, atendendo a cuestión de operatividade, agrupar todas as dependencias oficias nos bloques 1, 2 e 6, para que o resto dos bloques sexan exclusivos unicamente para pavillóns; así coma tamén levar a cabo a ampliación das diferentes unidades coma as da Policía, Seprona ou Tráfico, entre outras.

Moción pola coordinación das obras AP-9

O voceiro popular aproveitou tamén para anunciar unha moción, que o Grupo Municipal do PP presentará para o seu debate no próximo pleno, relativa a unha mellor coordinación das obras da ampliación da capacidade da autoestrada AP-9 co resto de actuacións en marcha e incluídas nos orzamentos do Estado: o enlace orbital, a conexión coa estrada N-550 e o polígono do Tambre; e tamén a conexión coa Cidade da Cultura e cos barrios de Sar e As Fontiñas.

“O que propón o Partido Popular é que o pleno do concello inste ao ministerio de Fomento a compatibilizar e a coordinar a execución das tres actuacións, de tal xeito que no momento de remate da ampliación da autoestrada estean tamén rematadas as obras do orbital -incluíndo a conexión coa N-550-; a conexión da AP-9 coa A-54, a través do orbital, o que evitaría construír a conexión directa da AP-9 coa A-54; e tamén a conexión coa Cidade da Cultura”, explicou Agustín Hernández. “Que todas estas actuacións –continuou- se coordinen, se compatibilicen e se rematen no mesmo momento, de aquí a dous anos, rematándose así o mapa viario de Santiago”.

Tal e como salientou Agustín Hernández, deste xeito lograríase optimizar as actuacións, evitar duplicidades –en concreto, na conexión da AP-9 e a A-54-, axustando a súa execución ás necesidades actuais e futuras de Santiago, e construír un sistema viario que satisfaga a mobilidade e canalice o tránsito de Compostela durante décadas. “Unha reestruturación que minimice os custes e que permita que o concello peche a rede viaria planificada no Plan Sectorial da rede viaria”, destacou Agustín Hernández. O voceiro popular aproveitou para salientar o bo ritmo das obras de ampliación da autoestrada, o que fai necesario que dita actuación se coordine coas demais actuacións.

Deja una Respuesta