20151103 Fotografía ORDENANZAS FISCAIS

O PP de Santiago propón a conxelación dos impostos para incentivar a pequena economía

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, acompañado polo concelleiro Manuel Martínez, ofreceu, esta mañá, unha rolda de prensa para presentar a proposta de ordenanzas fiscais que o grupo popular levará ao vindeiro pleno e na que se contempla a eliminación temporal, por un período de dous anos, do Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO). “A supresión do ICIO suporía un importante aforro para as familias e para as pequenas empresas, así coma un aliciente para levar a cabo pequenas obras, o que contribuiría a aumentar a carga de traballo dos nosos autónomos”, subliñou Agustín Hernández.

Tal e como explicou o voceiro popular, na actualidade, este imposto afecta directamente ás familias e ás pequenas empresas, xa que o maior número de licencias que se conceden son para pequenas obras, construción de vivendas unifamiliares ou traballos de comunidades de propietarios. O representante popular indicou que o concello está en condicións para asumir a eliminación do ICIO, xa que durante o 2014, recadouse preto de 860 mil euros por dito imposto e, para o vindeiro ano, ao non orzamentarse 1,3 millóns de euros correspondentes ás partidas correspondentes á eliminación do cargo de director de área, ao descenso no soldo dos cargos electos e do persoal eventual, ao aforro da refinanciación da débeda derivada do plan de pago a provedores ou á partida correspondente á xubilación do persoal, compensaríase esta supresión.
O que propón o Partido Popular é “unha verdadeira proposta social de ordenanzas fiscais” que busca incentivar a economía familiar e darlle un respiro aos santiagueses e santiaguesas, tras o esforzo que fixeron nos últimos anos. Neste senso, Agustín Hernández aposta, ademais, por unha iniciativa que manteña conxelados os tipos de gravame para o 2016 (0,54 para o IBI e para os inmobles de natureza urbana non residencial; 1,68 para turismos, ciclomotores e motos; e 1,74 para camións, autobuses e tractores) e que contemple importantes bonificacións. A proposta de Compostela Aberta contempla unha subida do 5,5% do IBI, do 67% do IBI nos inmobles de natureza non residencial (almacéns, locais comerciais e hostalaría, oficina, estacionamento ou espectáculos), do 7% para turismo, ciclomotores e motos e dun 3% para tractores, autobuses e camións.

Para o voceiro popular, “non é o momento de subir os impostos, senón de devolverlle aos veciños o esforzo que fixeron nos últimos anos. Non entra dentro da lóxica nin do sentido común que se lle esixa máis no 2016 do que se lle esixiu no 2015 ou 2014”. “O que toca –continuou- é manter conxelados os tributos, incrementar as bonificacións e aplicar políticas que contribúan a incentivar a economía local e a xeración de emprego”. O voceiro popular amosou a súa oposición rotunda á subida xeneralizada dos impostos que formula Compostela Aberta para 2016, que repercutirá de forma directa e negativa na economía familiar e na actividade económica. “Lamentamos a postura do goberno que, por desafogar a economía do concello, opte por asfixiar ás familias, ao comercio de toda a vida e aos autónomos asentados no noso termo municipal”, subliñou Agustín Hernández.

Coa proposta de Compostela Aberta, todos os santiagueses notarán nos seus petos esta subida de impostos. “Estamos falando de que unha familia media pagará un 5% máis pola súa vivenda e un 7% máis polo seu vehículo”, sinalou. Por iso, o voceiro popular insta ao actual equipo de goberno a que non continúe pola senda de incrementar os impostos e que rectifique, “porque cando Compostela Aberta rectifica, acerta”.

Deja una Respuesta