20151103 Fotografía ORDENANZAS FISCAIS

Hernández propón modificar o regulamento do Pleno para avanzar na transparencia e na participación

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Agustín Hernández, presentou unha proposición para modificar o regulamento de funcionamento do Pleno municipal, co obxectivo de “gañar en transparencia e incrementar a participación”. A través desta iniciativa, para o seu debate na próxima sesión do día 21, o grupo popular solicita a convocatoria urxente, antes de que remate este mes, dunha comisión que aborde o cambio da norma e impulse un novo documento reitor, co fin de que antes de que finalice o primeiro semestre do ano entre en vigor.

O voceiro popular recordou que no pasado mes de setembro, chegábase xustamente a un acordo unánime de todos os grupos para a modificación do texto, co obxectivo de incrementar a participación na xestión municipal e na toma de decisións, non só dos diferentes partidos que conforman a Corporación, senón de todos os veciños e veciñas e de todo o tecido asociativo de Santiago. Tal e como lamentou Agustín Hernández, transcorridos catro meses daquel acordo e superados os prazos establecidos no propio texto, “non temos constancia de ningunha medida adoptada polo Goberno local. É máis, na última Xunta de Voceiros, o alcalde recoñecía non ter feito nada polo momento”. Neste senso, recordou que un dos puntos daquel acordo era contar co documento normativo antes do remate do 2015.

Agustín Hernández detallou que o actual regulamento contén moitos aspectos que o converten “nun documento demasiado extenso, enleado e pouco práctico”, o que complica a necesaria axilidade dos labores de control e de fiscalización e que “lonxe de facilitar o diálogo e a participación no seo da Corporación, dificulta o desenvolvemento dunha acción eficaz”. “É unha norma –continuou- mellorable, que cómpre facela máis sinxela, máis operativa e máis eficaz”. Agustín Hernández avoga por fomentar máis o debate e que os grupos da oposición conten coa posibilidade da quenda de réplica nas preguntas orais.

Por todo iso, o voceiro popular insta ao alcalde a que “non perda máis tempo, que convoque aos grupos e que cree a correspondente comisión, para comezar a traballar no documento, coa mesma vontade de consenso que houbo no pleno de setembro”.

Reunións orzamentos municipais
Agustín Hernández referiuse, tamén, á convocatoria do Executivo local para abordar os orzamentos municipais. Neste senso, confirmou a súa asistencia a cada un dos encontros e lamentou “o tempo perdido” por parte do equipo de Goberno, ao atrasar unha semana a entrega do anteproxecto. “Ou ben o documento aínda non está confeccionado ou ben o expediente non conta con todos os informes”, subliñou. Do mesmo xeito, indicou que non é xustificable vincular os orzamentos á aprobación da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrada (EDUSI), xa que é unha cuestión que non afecta á confección das contas.

Con respecto á EDUSI, o voceiro popular lamentou, unha vez máis, a improvisación do Goberno local, xa que “nestes momentos non sabemos o contido da proposta, non hai convocatoria oficial do pleno –previsto para mañá martes- nin documento definitivo”. “A cuestión –continuou- non é que o PP non saiba que vai votar, a cuestión é que o goberno non sabe que vai propoñer”.

Deja una Respuesta