da6bb2d0-7ae0-4ff8-b5d3-711ad34c8f8d

Tachan de “irreais e inflados” os orzamentos e critica que non inclúan ningún proxecto importante

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Zas, David Gómez, xustificou hoxe que a súa formación optase por absterse ás contas municipais presentadas polo executivo local, ao entender que o orzamento é “irreal”, está “inflado” e carece de proxectos importantes para o desenvolvemento social e económico do concello.

Os populares, que defenderon que “o corpo nos pide votar en contra, pero non queremos que logo nos boten en cara que nos opoñemos á realización dalgunhas das obras que se inclúen”, fixeron fincapé en que o executivo local inclúe partidas de ingresos procedentes de subvencións e de axudas doutras administracións “que non están confirmadas” e que converten o orzamento en “papel mollado”.

O portavoz dos populares en Zas censurou tamén que o executivo local destine 322.260 euros dos 638.441 procedentes do Plan de Obras e Servizos que concede a Deputación da Coruña a sufragar o gasto corrente do Concello, en lugar de destinalos a obras.

“Resúltanos sorprendente que, coa de obras e actuacións que necesita o municipio, o alcalde prefira destinar máis da metade deste montante a pagar o funcionamento do concello. Espero que despois non teña a desvergoña de ir dicíndolle aos veciños que non hai diñeiro para poder investir”, indicou Gómez, quen acusou ao rexedor, Manuel Muíño, da parálise que sofre o municipio.

Sobre este punto, Gómez lamentou que o goberno local siga sen incluír partidas para o sistema de alumeado municipal en moitos puntos dos municipios onde seguen esperando por este tipo actuacións, ou que o executivo non aposte por asfaltar máis pistas e camiños do Concello.

“Xa sabemos que o señor alcalde deixa iso para o último ano de lexislatura, pero debería saber que os problemas dos veciños hai que atendelos durante todo o mandato e non pasarse 3 anos sen facer absolutamente nada”, dixo o popular.

O tanatorio municipal
Por outra banda, o portavoz dos populares en Zas cargou contra o rexedor, despois de que o señor Muíño comprometese a súa palabra ao dicir que o tanatorio municipal estará construído este ano, a pesar de que, nas contas municipais, non hai ningunha partida para poder realizar este proxecto.

“Quero pensar que o alcalde non se quere rir dos veciños, pero o certo é que fai todo o posible para que o pareza”, subliñou Gómez, quen recordou que “a maqueta leva 4 anos presentada, pero as obras nin están nin se esperan”.

Por último, os populares defenderon que as contas municipais desenmascaran a un goberno “caduco, sen proxecto de futuro e no que o alcalde parece estar máis preocupado de controlar o que fai a oposición que de resolver as necesidades e os problemas dos veciños”.

Deja una Respuesta