FOTO REUNIÓN ETHEL VÁZQUEZ

A Comisión de Transporte é o foro adecuado para falar sobre o transporte metropolitano

Os alcaldes de Arteixo, Abegondo e Carral non asistiron esta mañá á reunión convocada polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, porque consideran que “nin o Concello da Coruña é o escenario, nin o rexedor a persoa competente para falar dos asuntos que estaban sobre a mesa”.

Así, rexeitaron acudir a un encontro no que se pretendía falar do plan do transporte metropolitano ou do impulso á creación da área metropolitana cando o propio alcalde da Coruña, xunto con outros das Mareas e mesmo o rexedor de Oleiros, “deu plantón, porque nin se presentou nin enviou a ninguén do seu concello” á reunión da Comisión de Transporte da Xunta, que é o organismo competente nesta materia. Mentres tanto, continúa a boicotear a entrada dos autobuses na cidade, co perxuizo que supón para os veciños dos municipios da contorna da Coruña.

No caso da creación da área metropolitana, os representantes do Partido Popular consideran que é tamén o goberno autonómico quen debe guiar aos concellos no seu impulso e, por iso, estiman que debería haber unha primeira reunión cos responsables da Xunta para posteriormente establecer as bases para a súa creación.

Pola contra, critican que o rexedor coruñés, Xulio Ferreiro, estea a actuar como o máximo responsable dunha área metropolitana na que todos os concellos están chamados a un profundo debate, e non entenden como xa contratou estudos por importe de máis de 700.000 euros cando aínda non ten o respaldo da súa corporación e cando “sabe que non van valer para nada, porque o Concello non ten competencias sobre a área metropolitana”.

Respecto á falta de apoio do pleno municipal da Coruña á proposta de Xulio Ferreiro de iniciar os trámites para a área metropolitana, os rexedores populares consideran que se non é capaz de xestionar o seu pleno, dificilmente poderá traballar (ou liderar, como semella que pretende) este proceso.

“Queremos o plan de transporte metropolitano, e queremos a área metropolitana, pero facendo as cousas ben”, matizaron os rexedores do Partido Popular, que instan ao alcalde de Coruña a lograr primeiro un acordo no seu Concello para sentarse a dialogar e logo solicitar á Xunta a redacción dun plan estratéxico da área metropolitana, tal e como lle explicou o presidente da Xunta a Xulio Ferreiro nun recente encontro.

A Xunta ofreceuse a elaborar ese planeamento, e polo de agora o alcalde da Coruña nin sequera deu resposta.

Deja una Respuesta