image

O PP denuncia a CA de adxudicar a dedo 440.000 euros para rebacheos

O Grupo Municipal Popular fixo pública, esta mañá, unha nova práctica irregular do Goberno de Compostela Aberta, nesta ocasión relativa aos traballos de pavimentación que o concello levou a cabo en diversos viarios municipais durante o ano 2016. Tal e como informou o concelleiro Alejandro Sánchez-Brunete, o executivo local “adxudicou a dedo 440.000 euros a unha única empresa, sen procedemento algún e imposibilitando a concorrencia doutras ofertas”. O edil popular, que non pon en dúbida a urxencia para actuar nos viarios, advertiu que “o feito de que fose urxente non implica ter que actuar sen procedemento algún, porque a necesaria reparación duns viarios non pode ser escusa para saltarse a Lei”.

“Non estamos a falar dun contrato menor, senón que falamos de algo inconcibible: o encargo duns traballos a dedo por importe de 440.000 euros, sen ningún tipo de obxectividade no relativo á elección da empresa, ao alcance material dos traballos, á determinación do prezo ou á inexistencia do procedemento”, advertiu Sánchez-Brunete. “Esta actuación -engadiu- supuxo un agravio para o interese económico do concello, xa que se non hai concorrencia, pérdese a oportunidade de contratar o mesmo servizo a un prezo menor”, salientou o edil do Grupo Municipal Popular, que amosou os informes da Intervención Municipal e da Asesoría Xurídica nos que se cuestiona a actuación de Compostela Aberta.

O Goberno de Compostela Aberta mantivo sempre que contaba co aval dos informes correspondentes e que se trataba dunha situación de emerxencia. “Agora descubrimos que os informes desmenten esta afirmación. Afean a Compostela Aberta por faltar á verdade, por actuar pola vía de feito, sen concorrencia e por ter pagado por eses traballos un prezo presumiblemente maior”, informou Sánchez-Brunete.

Neste senso, o informe da Intervención Municipal deixa claro que “NUNCA quen subscribe asesorou e/ou deu o visto bo á tramitación do procedemento levado a cabo das actuacións cualificadas de emerxencia. (…) Vémonos tamén na obriga de solicitar a rectificación de ditas manifestación en aras ao dereito que me ampara de defensa da miña profesionalidade e a das técnicas do departamento de Intervención”. Do mesmo xeito, no informe de Asesoría Xurídica advírtese de que “non se pode deducir a emerxencia, polo menos na totalidade das actuacións. Aínda que se diga que se seguiron as instrucións da Policía Local, en canto ao risco ocasionado polas distintas fochancas, a parquedade dos informes non permite deducir con suficiente criterio se todas ou algunhas das fochancas presentaban un perigo inminente e se non se puido facer algo antes de que chegara unha situación tan comprometida”.

O concelleiro popular salienta, tamén, que os informes poñen de manifesto a existencia dun pacto, insuficientemente xustificado, no prezo entre o goberno municipal e a empresa á que lle encargaron estes traballos. No mesmo informe da Intervención Municipal saliéntase que: “Consta no expediente referencia explícita a pacto de prezo unitario das diferentes actuacións” e solicítase que “debería quedar suficientemente xustificado no expediente as causas que motivan o pacto”. En definitiva, Compostela Aberta pactou un prezo coa empresa presumiblemente maior que o fixado no mercado.

Para finalizar, Sánchez-Brunete informa de que no expediente advírtese das posibles responsabilidades que poidan derivan desta práctica irregular. Á vista do obstrucionismo na entrega da documentación e da falta de explicacións do goberno sobre a tramitación das facturas, Sánchez-Brunete entende que “estamos ante un novo exercicio de trilerismo documental, de falsidade nas declaracións, de trato de favor, de despilfarro do diñeiro público e tamén ante un posible exercicio de deslealdade do alcalde con seus concelleiros”, ante a dúbida de que fosen advertidos por este das consecuencias dun recoñecemento da obrigación de pago, que o grupo popular descoñece se se acordou ou se está pendente de acordarse.

Deja una Respuesta