0IMG_0809

O PP denuncia o abandono no que se atopa o campo de fútbol de Laxe

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Laxe, José Luís Pérez Añón, culpa ao goberno local do estado de abandono no que se atopan as instalacións do campo de fútbol municipal, tras a denuncia levada a cabo pola directiva da Sociedade Deportiva Laxe.

No pleno celebrado o 11 de maio, o Partido Popular xa presentou unha moción instando ó goberno municipal a solucionar estas deficiencias. O texto foi rexeitado, pese a que o alcalde, José Manuel Mouzo, tiña coñecemento da existencia de múltiples deficiencias na instalación deportiva.

“Estamos a falar dunha instalación deportiva da que se ten que encargar o goberno municipal”, apuntou o popular, quen subliñou que, na actualidade, e ante a falta de mantemento, xogar un partido de fútbol alí “supón un grave perigo para a intengridade dos deportistas e dos espectadores”.

Neste sentido, desde o Partido Popular de Laxe lembraron que o rexedor xa se comprometeu hai un ano a levar a cabo os traballos de reforma e mantemento necesarios, pero o certo é que, pasado todo este tempo, “non se fixo absolutamente nada”.

Ante esta situación, e dado o grao de “desesperación”dos directivos da Sociedade Deportiva Laxe, Pérez Añón afirmou que “non podemos estar máis tempo esperando, o concello ten que facer algo antes de que teñamos que lamentar calquera incidente”,e asegurou que, aproveitando que as ligas están paradas, o executivo local debería realizar as obras oportunas.

Vestiarios sen teitos, bancos oxidados, porterías sen rede

No que fai referencia ás deficiencias das instalación denunciadas e postas en coñecemento por parte dos dirixentes do equipo de fútbol, destacan a existencia de bancos oxidados, a falta de marcador, o mal funcionamento dos aspersores e das duchas e a ausencia de redes nas porterías e os muros do campo.

“Nestes momentos, o certo é que nese campo non se debería xogar ningún partido de fútbol”, apuntan os populares, quen advirten que o próximo 11 de agosto visitan a instalación varios equipos, entre eles o Bergantiños, e desde a Sociedade Deportiva Laxe xa deixaron claro que “non se farán responsables de calquera incidente que poida suceder”.

Así mesmo, os populares tamén trasladarán a preocupación existente no seo do equipo de fútbol do municipio debido á paralización das obras para a mellora dos vestiarios. “Polo que puidemos saber, a actuación parouse sen que desde o goberno local expliquen o motivo, e o certo é que, nestes momentos, os vestiarios teñen humidades e pingueiras”,dixo Pérez Añón, quen lamentou tamén os problemas coas torretas de iluminación.

Ante esta situación, e dado que, ademais, o equipo de fútbol tivo que sufragar do seu orzamento o mantemento e arranxo doutros danos ocasionados por actos vandálicos, os populares consideran “urxente”que o executivo local “deixe de mirar para outro lado”e atenda estas demandas para, segundo Pérez Añón, Laxe conte cunha instalación deportiva en condicións e, sobre todo, “segura”para a práctica do fútbol.

Deja una Respuesta