FOTO VESTUARIOS 1

O PP denuncia o abandono no que se atopa o polideportivo de Baio

O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado polo seu portavoz, David Gómez, denunciou hoxe o “lamentable” estado de abandono no que se atopan as instalacións do polideportivo de Baio, despois de que moitos veciños sacasen á luz a falta de mantemento que existe no recinto deportivo da localidade.

En concreto, os populares lamentaron que os usuarios do polideportivo teñan que sufrir o “deixamento” dun goberno local que permite que os enchufes teñan os cables soltos, o secador non funcione ou as duchas “sexan as mesmas que se colocaron hai vinte anos”.

O portavoz fixo fincapé en que estas deficiencias supoñen un “risco” para a seguridade dos usuarios, e lembrou que alumnos do instituto de Baio tiveron que “soportar” as deficiencias do pavillón durante a celebración dun torneo de fútbol sala este fin de semana.

Inventario de edificios municipais
“Confío en que non teñamos que agardar a que suceda algunha desgraza para buscar unha solución”, apuntou o portavoz popular, quen urxiu ao rexedor, Manuel Muíño, a que tome as “medidas necesarias” para mellorar a situación na que se atopan as instalacións.

Ademais, Gómez suxeriu ao alcalde que “deixe de crear problemas onde non os hai”, en referencia á compra ou expropiación das carballeiras de Zas e de Baio, e que invista o diñeiro de todos os veciños en emendar os “verdadeiros problemas” que existen no municipio.

Por último, e para evitar máis casos como o do polideportivo de Baio, desde o grupo municipal reclamarán que o Concello elabore un inventario do estado das instalacións e os edificios de titularidade municipal para poder emendar as deficiencias que teñan.

Deja una Respuesta