IMG_0529

O PP denuncia o atraso dun ano no cobro das axudas para deporte da Deputación

O portavoz do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, denunciou hoxe que os clubs deportivos, entidades e deportistas da provincia están a sufrir as “graves consecuencias” derivadas do atraso no pago das axudas por parte da Deputación da Coruña.

Segundo puideron constatar os populares, a día de hoxe, o goberno provincial aínda non fixo efectivo o abono das subvencións correspondentes ao 2017 e, tendo en conta o punto no que se atopa a resolución destas axudas, o pago podería atrasarse ata mediados ou finais do primeiro trimestre do 2018.

“As axudas do 2017 vanse cobrar un ano máis tarde. Aínda non se pechou o expediente e falta o período de alegacións, certificacións e presentación da documentación que poidan precisar nalgúns casos”, apuntou Hernández.

Neste sentido, o portavoz dos populares na institución provincial lembrou que, co anterior goberno encabezado por Diego Calvo, este tipo de axudas estaban abonadas, como moi tarde, en marzo do ano en curso, o que reflicte “a lentitude que existe actualmente na tramitación dos expedientes”.
Un serio problema de previsión
Hernández incidiu tamén que este atraso supón un “importante trastorno” na planificación anual do tecido deportivo da provincia que, nalgún caso, xa finalizou as competicións desta tempada e aínda non cobraron as axudas.

“Moitos equipos necesitan estas axudas para sufragar os gastos que xeran a súa actividade. É totalmente inadmisible que, a día de hoxe, aínda non saiban canto diñeiro van percibir e, sobre todo, cando o van a percibir”, subliñou o popular.

Por todo iso, desde o grupo do Partido Popular na institución provincial instan ao goberno a que “acelere todo o posible” os trámites para o pago destas subvencións e que axilice este proceso para que, nos próximos anos, non se repita este atraso.

Deja una Respuesta