ROTEIRO 1

O PP denuncia o “completo abandono” do roteiro dos muíños de Oroso

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, denunciou hoxe o estado de “completo abandono” no que se atopa actualmente o roteiro dos muíños de Oroso, creado polo propio Mirás fai máis de dez anos.

Segundo explicaron os populares, a zona é case intransitable para calquera veciño debido a que o executivo local fai moito tempo que non leva a cabo os traballos de mantemento e de limpeza do lugar.

“Pasar por este roteiro converteuse nunha auténtica ‘misión imposible’. A maleza fai imposible poder camiñar por este carreiro e a maleza invadiu todo o percorrido”, denunciou Doval.

O portavoz popular cualificou de “imperdoable” a “desidia” mostrada por un executivo local ao que acusou de non aproveitar o potencial turístico dunha ruta de máis de 8 quilómetros que percorre as parroquias de Senra, Cardame e Vilarromariz.

“Estamos a perder unha oportunidade para atraer turismo ao noso municipio. Noutros concellos este tipo de roteiros xeran un impacto importante na economía local, pero aquí o Sr. ,Mirás segue sen mover un dedo e sentado na súa poltrona”, apuntou Doval, quen asegurou que este feito é unha proba máis de que o mandato “está máis que caduco”.

Ante esta situación, desde o Partido Popular de Oroso instan o goberno local a que “tome cartas no asunto” e solucione este problema. “Os veciños de Oroso están cansados de sufrir as consecuencias da parálise na que vive instaurado o concello”, concluíu Doval.

 

 

Deja una Respuesta