FOTO ZONA PORTUARIA MUXÍA

Denuncian o mal estado do paseo marítimo e a zona portuaria de Muxía

O grupo municipal do Partido Popular de Muxía, encabezado polo súa portavoz, Sandra Vilela, denunciou hoxe o mal estado no que se atopa desde hai meses o paseo marítimo e a zona portuaria do municipio.

En concreto, os populares acusaron ao rexedor, Félix Porto, de permitir o abandono do mobiliario urbano (farois, bancos e papeleiras), así como a falta de mantemento da sinalización e as beirarrúas da zona.

“É un problema que vén de lonxe e que ao alcalde parece non preocuparlle moito”, indicou Vilela, quen incidiu en que a súa formación xa puxo sobre a mesa este asunto no pleno celebrado o pasado mes de setembro e onde, unha vez máis, o alcalde “botou balóns fora e dixo que non era competencia municipal”.

Con todo, sobre este asunto, desde o Partido Popular de Muxía puideron pescudar que o concello ten a potestade no mantemento dos espazos urbanizados do porto, coa obriga de facilitar o goce por parte dos veciños.

“Non é algo que nos saquemos da manga nós porque si”, asegura Vilela, quen indicou que na propia web do Concello de Muxía hai unha noticia sobre o convenio asinado no ano 2008 con Portos de Galicia para que o executivo local se fixera cargo destes traballos. -http://www.concellomuxia.com/ca/web/index.php?dep=2&mod=not&ide=110- .

Ante esta situación, desde o PP de Muxía urxen a que o executivo local tome “cartas no asunto” e se poña a traballar para que os veciños non teñan que pagar “o pasotismo municipal” neste asunto.

“Non podemos consentir que o señor Porto se lave as mans cada vez que existe un problema en Muxía”, recalcou a portavoz popular, quen subliñou a “obriga” que ten o alcalde de buscar solucións ás necesidades dos veciños sen escudarse sempre noutras administracións ás que neste caso “non pode botarlles a culpa”.

Deja una Respuesta