IMG_3011

O PP denuncia os problemas de iluminación pública que sofren as parroquias do Oroso

O grupo municipal do Partido Popular de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, anunciou hoxe que a súa formación levará ao debate plenario deste xoves os problemas de iluminación pública que veñen sufrindo desde hai meses os veciños das parroquias de Serna, Trasmonte, Oroso, San Tomei e Cardama.

Os populares, cansados de que o goberno local mire para outro lado e ignore as queixas dos cidadáns destas zonas, esixirán ao rexedor, Manuel Mirás, que poña en marcha as medidas necesarias para terminar cun problema que supón un perigo para a seguridade destes veciños.

“É unha tomadura de pelo por parte do alcalde que o goberno municipal non solucione un asunto que afecta ao día a día de toda esta xente”, comentou Doval, quen calificou de “pasotismo” a actitude de Mirás, ao que acusou de permitir que en Oroso existan “veciños de primeira e de segunda categoría”.
Sobre este asunto, o portavoz dos populares subliñou que o concello ten o deber de garantir este servizo básico, e fixo fincapé en que os veciños das parroquias afectadas “pagan os seus impostos como outros aos que si se lles garante este servizo”.

Escusas de mal pagador
Por todo iso, desde o grupo municipal do Partido Popular esixen ao alcalde que deixe de poñer “escusas de mal pagador” e que propoña solucións ou teña en conta as propostas dos populares.

Entre estas últimas, Alexander Doval reclamou que o goberno abra un expediente de investigación para coñecer ao detalle os motivos polos que se producen os cortes de luz. Asimesmo, o portavoz insta á empresa concesionaria do servizo a garantir o adecuado funcionamento do mesmo; e, por último, e no caso de persistir os problemas, o popular considera necesario iniciar un expediente sancionador á empresa.

“O que está claro é que non podemos seguir obrigando aos veciños a pagar un servizo que non teñen. Se a empresa non pode garantilo, haberá que mirar de conseguir que o faga ou tomar medidas”, concluíu Doval.

Deja una Respuesta