FullSizeRender (4)

Denuncian que o Plan Único chega “tarde e con menos fondos que en anos anteriores”

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, asegurou, no pleno celebrado esta mañá, que o Plan Único aprobado pola institución provincial –cos votos a favor de todos os grupos- chega “máis tarde e con menos fondos para os 93 concellos que en anos anteriores”.

Na súa intervención, o popular, que agradeceu o traballo e o esforzo realizado polos funcionarios da Deputación da Coruña para cerrar a tramitación deste plan, subliñou que o atraso na aprobación definitiva dos proxectos fará que moitos concellos teñan “serios problemas” para licitar as obras antes de que finalice o prazo, fixado para o 30 de novembro.

“Falamos con moitos concellos nos que xa nos dixeron que os seus proxectos non entrarán en prazo”, apuntou Hernández, quen, nun ton irónico, afirmou que o pleno celebrado podería servir xa para “aprobar a primeira prórroga do plan”.

Neste sentido, o portavoz dos populares lembrou que o último Plan de Obras e Servizos (POS) impulsado polo anterior goberno presidido por Diego Calvo estaba aprobado a finais de outubro e as obras listas no primeiro trimestre do ano seguinte.

“Estamos a falar dun atraso de máis de catro meses respecto de como se facían antes as cousas co POS”, dixo Hernández, quen lamentou que esta demora faga que os concellos perdan os meses de verán –os mellores climatolóxicamente falando- para realizar as obras.

Un plan máis mediático que beneficioso
Por outra banda, Hernández fixo fincapé unha vez máis en que o Plan Único dotará de menos fondos aos 93 concellos da provincia xa que, a día de hoxe, “o único que sabemos e que temos claro é que a cantidade é menor que a que recibía antes. O que pase a final de ano verase, pero o que temos que valorar agora é o que é firme nestes momentos”.

Así mesmo, o portavoz dos populares puxo sobre a mesa que os gobernos deben actuar con “responsabilidade”, en relación a que, na súa opinión, cando se toma unha decisión de cambiar algo que funciona, debe ser para melloralo.

“O POS que había antes funcionaba á perfección e os concellos tiñan os proxectos aprobados con tempo suficiente. Si imos cambiar algo que sexa para melloralo, non para retroceder e facelo menos dinámico e efectivo”, dixo Hernández, quen lembrou que o Plan Único “premia” a aqueles concellos “que non cumpren por encima dos que cumpren coas súas obrigacións económicas”.

Por último, o popular, que xustificou o voto a favor da súa formación pola “importancia das actuacións que inclúe para os municipios”, recalcou que o Plan Único é un proxecto “máis mediático que beneficioso para os municipios”, e reiterou, de cara ó futuro, a “necesidade de vendelo menos e melloralo máis”.

Deja una Respuesta