FOTO TOMA POSESIÓN TEMBRÁS

Denuncia que os Concellos deberán “rascarse o peto” para financiar parte das obras do POS

O portavoz do grupo provincial do Partido Popular na Deputación da Coruña, Agustín Hernández, denunciou hoxe que os concellos deberán “rascarse o peto”para poder facer fronte ás obras incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS), despois de que o executivo provincial non cumprise co seu compromiso de financialas a cargo do remanente incorporado ao plan.

 

Segundo explicaron os populares, o goberno provincial, liderado por Valentín González Formoso, pedíralle aos distintos municipios que presentasen proxectos financieiramente sustentables coa promesa de que a Deputación da Coruña se faría cargo do custo desas actuacións cun 20% de fondos adicionais ao POS+2018.

Con todo, nos últimos días, os gobernos locais atopáronse coa “desagradable sorpresa”de que a cantidade achegada polo ente provincial non chega ao 20% comprometido, o que provocará, tal e como explicou Agustín Hernández, que os concellos teñan que sufragar as cantidades pendentes.

Unha nova chapuza

“Nas bases do POS poñía expresamente que os municipios deberían presentar proxectos por un importe mínimo do 20%”,afirmou Hernández, quen sinala que agora os gobernos locais deberá “refacer os proxectos ou, pola contra, achegar as cantidades que faltan, que nalgún caso rozan os 70.000 euros, co grave problema que iso supón para as arcas municipais”.

 

Neste sentido, o portavoz do Partido Popular destacou que a “chapuza económica” do goberno provincial obrigará a moitos concellos a ter que “reordenar os seus proxectos e, nalgún caso, ter que aparcar algúns que xa estaban deseñados para poder facer fronte a outros”.

Hernández, que se mostrou moi critico coa situación, sinalou á “falta de previsión”e ao “exceso de optimismo”do executivo provincial como responsables dunha situación que, na súa opinión, volve poñer de manifesto “a constante improvisación”que se apropiou da xestión económica dunha institución liderada por un presidente “ausente e máis preocupado dos problemas internos do seu partido que de traballar en beneficio dos concellos da provincia”.

Por último, desde o grupo provincial demanda que o goberno provincial busque unha situación para evitar que os concellos teñan que facer fronte a un problema “xerado pola ineficacia e a falta de previsión de outros”.“Non é de recibo, e moito menos dun goberno serio, comprometerse con algo e despois non facelo, pero, por desgraza, estamos afeitos a estas cousas nos últimos tempos”,concluíu Hernández.

Deja una Respuesta