20170928 Lamas de Abade 1

O PP denuncia unha “corta masiva e indiscriminada” de árbores en Lamas de Abade

A concelleira do Grupo Municipal
Popular, María Antón, a través dunha pregunta ao Goberno local, demanda información
pola corta masiva e indiscriminada de árbores nunha finca municipal en Lamas de
Abade. Tal e como pon de manifesto, “resulta sorprendente que o Goberno local decidira
unha actuación deste tipo nunha superficie de máis de 5.000 metros cadrados onde, á
beira de eucaliptos, convivían outras árbores como piñeiros, que foron arrasadas, deixando
a totalidade do terreo sen apenas vexetación”.

Para o Grupo Popular causa sorpresa a “radical e extrema actuación” municipal nesta
parcela, mentres enfronte se mantén no máis absoluto abandono unha centenaria
edificación relixiosa na que as silvas e a abundante maleza taponan a entrada e inzan pola
súa portada. A limpeza desta finca de Lamas de Abade fora incluída nunha iniciativa do
Grupo Popular, aprobada por unanimidade no pleno municipal do pasado mes de maio,
para poñer en valor a extensa superficie ocupada polo viveiro municipal, onde se erguen
varias edificacións de interese histórico-artístico, entre elas un pazo, hórreo, pombal e a
capela da Divina Pastora, datada en 1828.

A iniciativa que presenta o Grupo Popular solicita os detalles de quen cursou a orde da
corta, quen a supervisou e se está actuación contaba con todas as autorizacións precisas.
Igualmente, demanda as previsións para o acondicionamento do terreo esquilmado e os
motivos polos que non se procedeu á limpeza da capela da Divina Pastora situada á beira
desta finca municipal.

Deja una Respuesta