FOTO VÍA ÁRTABRA

O PP esixe a Fomento que os intereses de Audasa non paralicen a Vía Ártabra

O presidente do Partido Popular da provincia, Diego Calvo, e os alcaldes e portavoces populares dos concellos da Coruña, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada esixiron ao Ministerio de Fomento que os intereses económicos de Audasa non paralicen as obras para a construción da conexión da Vía Ártabra coa AP-9.

 

Nun acto celebrado esta mañá no tramo no que a estrada debería enlazar coa N-VI, os populares levaron a cabo a lectura dun manifesto no que reclaman “vontade política”e “diálogo”ao goberno central e á Xunta de Galicia para alcanzar un acordo que permita levar a cabo o proxecto para unir ambas as vías.

 

Calvo, que falou en nome de todos os representantes populares, lembrou que o goberno autonómico xa mostrou a súa intención de licitar as obras para levar a cabo a conexión este mesmo ano por un orzamento de 4 millóns para este exercicio e dun total de 35 para todo o proxecto.

 

“É imprescindible contar coa autorización do Ministerio de Fomento para poder realizar esta actuación”, explicou Calvo, quen censurou que o goberno central condicione a súa postura e a proposta da Xunta á realización dun novo estudo baseado nas alegacións presentadas pola concesionaria da AP-9.

 

“Resulta difícil de entender e complicado de explicar por parte de Fomento que, unha vez que estaba todo listo e preparado despois de tanto tempo de negociacións e de proxectos, agora se escude na elaboración dun novo informe para paralizalo todo”, dixo Calvo, quen fixo fincapé en que as alegacións presentadas por Audasa están orientadas “única e exclusivamente á defensa dos seus intereses políticos”.

 

Neste sentido, o líder dos populares cargou contra a postura dun Goberno central que, na súa opinión, parece máis interesado en “defender a conta de resultados dunha empresa que de velar polos intereses dos veciños dunha das áreas máis importantes de Galicia”, e engadiu que, coñecida a predisposición do executivo autonómico a levar a cabo o proxecto, “o único responsable da paralización do mesmo será o Ministerio de Fomento”.

 

Un importante investimento en risco

O presidente provincial aproveitou a ocasión para incidir na “necesidade” de que as dúas administracións responsables da realización do proxecto “aparquen as súas diferenzas políticas”e se centren “única e exclusivamente”en chegar a un acordo que impida a “perda dun importante investimento”.

 

“O que non podemos é quedarnos de brazos cruzados sen facer nada. O tempo das queixas e dos reproches quedou atrás.Agora toca actuar e desde o Partido Popular temos moi claro que non pararemos ata conseguir que Fomento autorice a obra e a Xunta a realice”,subliñou Calvo.

 

Por último, o líder dos populares resaltou o “peso estratéxico”da construción da ligazón da Vía Ártabra e a AP-9 para a competitividade, a mobilidade e a seguridade viaria da área metropolitana da Coruña, e asegurou que, tal e como está na actualidade, a estrada perde moito do seu potencial. “Necesitamos finalizar un proxecto que suporía un impulso económico e social para toda a comarca. Non podemos demoralo máis tempo”,concluíu.

Deja una Respuesta