IMG_0139

Apoio á Policía Local no incidente coa parlamentaria de En Marea

O Grupo Municipal Popular presentará no vindeiro Pleno unha moción para expresar o seu apoio ao labor da Policía Local nun incidente cunha parlamentaria autonómica de En Marea na rúa Pitelos en Santiago de Compostela. Así mesmo, o Grupo que dirixe Agustín Hernández considera claramente indebido o uso que esta deputada empregou da súa condición de parlamentaria.

Tamén se fai necesario que o alcalde de Compostela Aberta exprese claramente se está de acordo coa actuación da Policía Local ou cree axusta o comportamento de dita parlamentaria.

O incidente acontecido en Santiago de Compostela identifícase cun acto vandálico no que varias persoas atentan contra a propiedade privada causando estragos en varios vehículos aparcados nunha céntrica rúa da nosa cidade.

Concretamente, na madrugada do pasado domingo, 19 de marzo, un incidente no que participou esta deputada galega veu a poñer no primeiro plano da actualidade o papel necesario das forzas de seguridade, en particular o que desenvolve a Policía Local da capital de Galicia, e tamén o emprego da condición de parlamentaria e da figura da inmunidade como privilexio legal para os parlamentarios no exercicio das súas funcións, unha prerrogativa moi controvertida e posta en cuestión por distintas organizacións políticas, incluída aquela á que pertence a citada política.

O Grupo Municipal Popular considera que os acontecementos rexistrados supoñen un censurable e inadecuado comportamento de varias persoas, entre elas unha parlamentaria, no seu caso nunhas circunstancias alleas ao natural desempeño do seu cargo, situación que fai necesario un posicionamento da Corporación Municipal sobre este suceso.

Por todo isto,desde o Grupo Municipal Popular manifesta o seu apoio e respaldo á actuación da Policía Local no incidente acontecido; e reproba o comportamento dunha representante do Parlamento de Galicia que, nunha utilización abusiva e inadecuada da súa condición de parlamentaria e da figura da inmunidade parlamentaria, tratou de condicionar e dificultar a correcta actuación policial.

Finalmente, diríxense á presidencia do Parlamento de Galicia para que traslade este acordo ao conxunto dos grupos parlamentarios e considere a conveniencia de adoptar algunha medida no seo da Cámara galega en relación co referido incidente.

Deja una Respuesta