FOTO REUNIÓN

Preocupación dos veciños de Vimianzo tras quedar as súas casas fóra de ordenación

O grupo municipal do Partido Popular de Vimianzo, encabezado pola súa portavoz, Raquel Rodríguez Amigo, mantivo unha reunión nos últimos días cos veciños das parroquias de Times, Bamiro e Treos afectados pola decisión do Concello de deixar as súas casas fóra de ordenación tras fixar os novos límites para estes núcleos.

Acompañada polo deputado autonómico Martín Fernández Prado, portavoz popular na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos, e por José Manuel Rodríguez, ‘Roque’, Rodríguez Amigo organizou o encontro cos trece veciños afectados despois de que o alcalde, Manuel Antelo, e un técnico da Deputación da Coruña, “vendese os supostos beneficios que supón para os propietarios que as súas vivendas queden fora de ordenación”.

Neste sentido, a portavoz popular criticou o “engano” que supón dicirlle aos afectados que coa nova delimitación estas casas “pagarán menos contribución” e, pola contra, “esconderlles todos os problemas futuros que terán no caso de tentar levar a cabo calquera actuación urbanística nas súas propiedades”.

“Hai que ter moi pouca vergoña para enganar desta maneira a unhas persoas que están preocupadas polas súas vivendas”, apuntou a popular, quen criticou que o goberno local non faga todo o posible por incluír o maior número de vivendas posibles na nova ordenación destes núcleos.

“Non ten sentido que o concello limite desta maneira os núcleos, o normal é que fixese todo o posible por incluír estas vivendas e, que posteriormente, sexan outras administracións, no caso de ser necesario, as que digan o contrario”, dixo Rodríguez Amigo.

Pola súa banda, Fernández Prado aproveitou a súa intervención para advertir  que quedar fóra da nova ordenación urbanística supón sempre “un retroceso” e alertou das complicacións e dos problemas que pode carrexar para os propietarios das vivendas.

Plataforma veciñal

Ante esta situación de desamparo, desde o Partido Popular, e da man de todos os afectados, anunciaron a creación dunha plataforma veciñal para levar a cabo as alegacións oportunas á nova ordenación urbanística no momento no que se abra o prazo de exposición pública do novo plan.

“O que non imos facer é quedarnos cruzados de brazos. Xa tivemos un problema grave cunha casa que houbo que demoler por un asunto deste tipo e non imos permitir que sucede o mesmo con outras vivendas”, apuntou Rodríguez Amigo, quen urxiu ao rexedor a rectificar a súa formulación e atender ás demandas veciñais.

Deja una Respuesta