jpg

O informe da secretaría municipal acredita que o alcalde ten que dimitir

O grupo municipal do Partido Popular de Camariñas, encabezado polo seu portavoz, Mauricio Aufiero, asegurou hoxe que o informe elaborado pola Secretaría Municipal do Concello acredita que Manuel Valeriano Alonso debe dimitir inmediatamente como alcalde, tras a sentenza do Xulgado do Penal número 3 que condena ao rexedor a 4 anos de inhabilitación como autor dun delito continuado de prevaricación administrativa.

Os populares, que xa solicitaron o pasado 11 de maio a dimisión de Valeriano Alonso, defenden que o escrito redactado pola Secretaría Municipal “non deixa dúbidas” de que ao rexedor pódeselle aplicar a Lei Orgánica 5/195, do 19 de xuño, de réxime electoral que establece que incorren en causa de incompatibilidade “os condenados por sentenza, aínda que non sexa firme, por delitos de rebelión, de terrorismo, contra a Administración pública ou contra as Institucións do Estado cando a mesma estableza pena de inhabilitación para o exercicio de dereito de sufraxio pasivo ou a inhabilitación absoluta ou especial ou de suspensión para emprego ou cargo públicos nos termos previstos na lexislación penal”.

Desta maneira, e ante esta situación, os populares explicaron que o Concello debe limitarse a tomar coñecemento desta circunstancia, e proceder á solicitude de expedición de nova credencial do seguinte na lista do PSOE pola Xunta Electoral Central, sen votación algunha.

“Pódese dicir máis alto, pero non máis claro. A secretaria foi contundente no seu informe. Valeriano Alonso debe asumir a sentenza e deixar o seu posto como alcalde de Camariñas”, asegurou Aufiero.

Condenado polos seus actos
Os populares aseguran que “é un xuíz, e non o Partido Popular, o que xulga e condena ao rexedor”, e reiteraron o absoluto respecto que mantén a súa formación ante as resolucións tomadas polos maxistrados.

“O que se condena aquí é unha forma de facer política que perdurou durante moitos anos. Unha forma de facer política que catalogaba aos veciños de Camariñas en función da súa ideoloxía política. O resto son escusas que buscan algúns para tapar o que todos coñecemos”, subliñou o portavoz do Partido Popular.

Neste sentido, Aufiero considera que, unha vez que se confirme a dimisión do rexedor, en Camariñas abrirase un novo período de tranquilidade e de prosperidade para os veciños dun municipio no que “todos se merecen ter as mesmas oportunidades”.

Deja una Respuesta