image

Instan ao Concello a que ceda unha parcela á Asociación de Dano Cerebral Sarela

O Grupo Municipal Popular presenta unha moción para o seu debate no pleno de mañá xoves, relativa á cesión de uso dunha parcela municipal á Asociación de Dano Cerebral Sarela. É un terreo que linda co edificio da entidade, que se mantén baldío desde a súa urbanización, polo que os populares instan ao Goberno local a que cumprimente con axilidade os trámites preceptivos para que Sarela poida contar con este espazo para o desenvolvemento das súas actividades.

Tal e como recorda o grupo popular, a directiva da asociación Sarela ten manifestado en diversas ocasións o seu interese por dispoñer dunha superficie exterior que lle permita realizar distintas actividades relacionadas co lecer e o tempo libre. Con este fin, no último ano do mandato anterior realizou unha petición ao Concello, que reiterou neste novo mandato xa en dúas ocasións este ano: en xaneiro, nunha visita do alcalde ao centro e, en febreiro, por escrito. A parcela, tal e como explican os populares, está sen utilizar e co conseguinte estado de abandono.

Do mesmo xeito, o grupo popular pretende que co acordo desta moción o conxunto da Corporación se sume tamén a dúas datas de referencia como son o Día Nacional do Dano Cerebral Adquirido e o Día Mundial do Ictus (os días 26 e 29 de outubro, respectivamente). “Sería un bo detalle sumarse a estas dúas celebracións acordando a cesión desta parcela, ata o de agora sen utilidade, para podela dedicar a actividades que poidan repercutir no tratamento e mellora das condicións de vida das persoas afectadas por unha lesión cerebral”, finalizan.

A asociación Sarela é unha entidade sen ánimo de lucro, constituída no ano 2000. Desde xaneiro de 2015, presta servizos de centro de día na súa sede de Tras Paxonal
-concretamente, na rúa Pedro Cabezas González-, onde dispón de 40 prazas, a metade delas concertadas coa Xunta de Galicia. Ofrece información, orientación, apoio psicolóxico, tratamentos e mesmo accións de inclusión social, tanto para as persoas afectadas como para os seus familiares.

Deja una Respuesta