20151021 Agustín Hernández_orzamentos Xunta

O PP reclama un novo sistema de control de acceso á Cidade Vella

O Grupo Municipal do Partido Popular insta ao actual Goberno local a que implante un novo sistema de control de acceso á Cidade Vella de Santiago, no que prime unha mellor xestión dos accesos, a obtención de información e a sustentabilidade do sistema.

Os populares consideran que, tras os diversos e reiterados fallos detectados, o actual modelo de control de bolardos atópase obsoleto. Por unha banda, e tal e como explica o grupo popular, resulta cada vez máis complicado atopar repostos, xa que o control dalgúns accesos data dos anos noventa e a tecnoloxía empregada sufriu importantes modificacións e, nalgúns casos, hai determinados elementos que xa non se fabrican; e, por outra banda, de xeito recorrente faise necesaria a reparación das espiras e das lousas, uns traballos que requiren de varias semanas de arranxo, coa conseguinte inactividade dos bolardos afectados e a ausencia, polo tanto, do mecanismo de control de acceso.

Para os populares, a actualización deste modelo ás novas tecnoloxías suporía apostar por un método máis sostible, económico e permitiría obter un maior nivel de información –número de vehículos que acceden, tempo de presenza e percorrido realizado-, necesaria para xestionar os permisos e os accesos. Tal e como indican dende o grupo popular, entre as alternativas ao actual mecanismo pode destacarse o sistema de lectura de matrículas, sen a necesidade de ter os bolardos físicos, opción que liberaría ao sistema actual de control das avarías, ata o de agora constantes, e permitiría acadar datos que hoxe non é posible obter dun xeito sinxelo e sistemático.

Por todo o exposto, o grupo popular presentará unha proposición no próximo pleno de novembro, solicitando ao Goberno local que inicie canto antes as xestións pertinentes cos departamentos implicados, así coma tamén co Consorcio da Cidade de Santiago, para acadar o mellor método e canles de financiamento.

Deja una Respuesta