IMG_20160913_110453 (1)

O PP lamenta que o desgoberno de CA afecte á celebración da Festa das Uñas

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Antón, amosa a súa sorpresa, despois das recentes declaracións da concelleira de Turismo, pola falta de apoio de Compostela Aberta á festa das uñas de San Lázaro. Neste senso, informa de que o concello non concedeu o permiso para a celebración da tradicional degustación gastronómica de polbo, orella e unlla que se facía ano tras ano nos arredores da igrexa. Do mesmo xeito, a día de hoxe o Goberno local tampouco informou aos interesados se poderán instalar os seus postos de venda de rosquillas.

“Unha vez máis –engadiu-, Compostela Aberta consolídase como creadora de problemas”. A concelleira popular insta ao actual goberno a que adopte as medidas necesarias para o impulso desta festa con máis de 200 anos de tradición, unha das máis antigas de Galicia.

“O ano pasado, retiraron toda colaboración municipal e este impiden a instalación da carpa de degustación”, lamenta María Antón, que recorda que o 2016 foi o primeiro no que a Festa da Uña se veu reducida ao plano relixioso e da poxa, mantendo a vertente gastronómica polo empuxe da veciñanza e dos negocios de hostalaría, pero sen apenas actividades alternativas, ruadas nin verbenas: “Está claro que o que pretendía Compostela Aberta desde o minuto un era o esmorecemento desta festividade”.

María Antón insta a Compostela Aberta a que deixe de poñer problemas e impulse de forma decidida “esta festa emblemática para Santiago e para o barrio de San Lázaro”. “É lamentable –salientou- que o apoio do Goberno municipal coa Festa da Uña se atinxa unicamente a un cartel promocional”. A concelleira popular urxe a Compostela Aberta a que aclare se o impedimento para a instalación da carpa pon en perigo a actuación da Banda Municipal de Música, que os días de choiva empregaba esta infraestrutura.

Deja una Respuesta