FOTO DAVID ENTREGA ESCRITO

Lamentan que o “pasotismo do alcalde” prive a Zas da chegada de Estrella Galicia

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Zas, David Gómez Brandariz, lamentou que “o pasotismo” do alcalde, Manuel Muíño, privase aos veciños de Zas da chegada de Estrella Galicia ao municipio, despois de que, a semana pasada, a multinacional galega anunciase a compra dunha nave no polígono de Vimianzo para instalar alí un dos seus almacéns.

Para os populares, resulta “difícil de entender para calquera veciño” que contando en Zas cun polígono municipal como o de O Allo e outro privado como o de Os Muíños, Estrella Galicia optase polo concello de Vimianzo para realizar un investimento que alcanzará, segundo as últimas informacións, o millón de euros.

“Todos sabemos que o polígono de O Allo conta cunha localización privilexiada, cunha ligazón da autovía á beira e moito máis preto da Coruña que o de Vimianzo, pero parece ser que o noso alcalde está máis preocupado por outros asuntos que polo feito de conseguir que unha empresa como Estrella Galicia se instale no municipio”, criticou Gómez Brandariz.

Falta de chan industrial
O popular puxo de relevo que a falta de chan no polígono de O Allo é un dos motivos polos que moitas empresas están a optar por instalarse en Vimianzo en lugar de facelo en Zas, coa perda correspondente de investimentos que iso supón, e coa correspondente diminución de oportunidades empresariais para o municipio.

“Temos a posibilidade de aumentar a superficie do polígono municipal, tal e como recolle o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pero o señor Muíños oponse constantemente”, explicou Gómez, quen cualificou de “imperdoable” a actitude dun rexedor que “segue sen mover un dedo” para garantir a chegada de empresas que xerarían moitos empregos directos e indirectos no concello.

Neste sentido, o portavoz dos populares en Zas instou ao rexedor a que se “preocupe menos polo traballo da oposición, se deixe de tantas fotos e se gañe o soldo que cobra todos os meses das arcas municipais”.

Deja una Respuesta