portavoz

O PP lamenta que o presidente da Deputación vote en contra da defensa da institución

O grupo provincial do Partido Popular, encabezado polo seu portavoz, Agustín Hernández, lamentou hoxe que o resto de formacións políticas que compoñen o pleno da Deputación (PSOE, BNG, Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños) votasen en contra da moción presentada hoxe polos populares en defensa do labor e a continuidade das institucións provinciais.

Tal e como explicou o novo portavoz popular, ante o coñecemento dun posible acordo entre o PSOE e Cidadáns para formar goberno, que pasaría pola supresión das deputacións, o grupo provincial dos populares considerou "moi necesario" saír en defensa do papel que desempeñan as deputacións.

"Sorprende e lamentamos que o grupo de goberno da Deputación da Coruña, encabezado polo seu presidente, vote en contra dun texto que o único que tenta é defender o labor desta institución", apuntou Hernández.

Neste sentido, o popular lembrou as palabras do propio Valentín González, nas que o presidente provincial mostrábase partidario de suprimir as deputacións si hai un organismo que asuma as súas competencias.

"Chama a atención o cambio de postura do partido socialista cando o programa electoral do PSOE aposta por manter estas institucións e modernizalas para facelas máis eficaces e transparentes", indicou Hernández, quen reclamou unha aclaración por parte do grupo socialista.

Texto da moción
Canto á moción, o portavoz dos populares explicou que o único que recolle é a reivindicación do valor institucional das deputacións como goberno que cumpre a misión de cooperar na vertebración territorial e de velar pola igualdade e acceso de todos os cidadáns aos servizos necesarios.

Así mesmo, o texto esixe ao futuro goberno da nación que respecte estas institucións para non castigar aos millóns de españois que, baixo o seu amparo, conviven en municipios rurais.

Por último, o documento valora que o presente inmediato das institucións provinciais non pasa pola súa eliminación, senón por alcanzar, xunto cos concellos, o obxectivo de dotarse dunhas administracións modernas e eficaces ao servizo dos cidadáns, nas que non se solapen competencias, e que conten co mesmo nivel de calidade e autosuficiencia das demais administracións do Estado.

Deja una Respuesta