IMG_4298

A pleno a externalización da xestión dos expedientes sancionadores da Concellería de Xan Duro

O Grupo Municipal Popular preguntará ao Goberno de Martiño Noriega no vindeiro Pleno sobre as incongruencias deste Executivo na contratación dunha empresa externa para a xestión de expedientes sancionadores nos que se debe concretar unha contía entre amplas marxes, sobre todo, tendo en conta que o Goberno municipal entende que a contratación dunha empresa implica un risco de que se inflen as sancións; e así mesmo, o Grupo Municipal Popular preguntará por qué esa externalización afecta ao departamento que dirixe Xan Duro e non afecta ao departamento que dirixe Jorge Duarte.

Desde hai tempo, integrantes do Goberno municipal de Compostela Aberta cuestionaron o contrato de servizos para a xestión dos expedientes sancionadores por infracción de diversas ordenanzas municipais asinado no ano 2014. Entendían os concelleiros de Compostela Aberta que a participación dunha empresa privada na tramitación dos expedientes podería significar a que se inflasen as contías das sancións.

Este argumento chocaba co feito de que dos expedientes se responsabilizan funcionarios públicos, pero tras insistir na demonización dunha colaboración externa, o actual Goberno de Martiño Noriega aprobou un expediente de contratación case idéntico ao anterior.

Hai que lembrar que, no pleno de xuño de 2017, fíxoselle unha pregunta ao Goberno municipal para saber por que, se entendía que se podería dar esa alteración das sanción, se contrataban ou externalizaban os servizos para a xestión de expedientes sancionadores.

O Goberno de Martiño Noriega se xustificou cunha resposta que non se axustaba á realidade, posto que afirmou que “nos expedientes de urbanismo” -externalizados no ano 14- “o tipo de sanción que manexaban movíase en franxas de diferenzas de miles de euros” e que os expedientes sancionadores de medio ambiente e tráfico externalizados polo Goberno de Compostela Aberta “están absolutamente regrados”.

O Grupo Municipal Popular considera que a resposta foi falsa, posto que as contías dos expedientes sancionadores dos servizos comunitarios e de medio ambiente tamén son o resultado de concretar un tramo ou unha escala moi ampla -de miles de euros nalgún caso-, escala que figuraba nas normas de referencia do proceso de externalización, como eran, por exemplo, a Lei de Emprendemento de Galicia (no seu artigo 58) ou a Ordenanza de Convivencia (no seu artigo 97), (tal e cómo se reflicte nas imaxes adxuntas); e, tamén, porque ese proceso de concreción responde aos mesmos elementos regrados no caso dos expedientes de urbanismo que no caso dos expedientes de servizos comunitarios e medio ambiente.

A maiores, o Grupo Municipal Popular ven de descubrir que o Goberno Municipal, acaba de prorrogar un contrato cunha empresa privada para “a colaboración na inspección fiscal para os tributos locais, así como nos procedementos sancionadores que se deriven da inspección”.

Deja una Respuesta