O PP pedirá a eliminación do imposto da plusvalía do orzamento do 2020

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Oroso, a través do seu portavoz, Alexander Doval, presentará no próximo pleno ordinario unha moción na que solicitará  non incluír na proposta de orzamentos do ano en curso (2020) o Imposto sobre o Incremento de Valor de Terreos de Natureza Urbana, máis coñecido como Plusvalías Municipal.

Os populares recordan que o Concello de Oroso é un dos poucos que continúa a aplicar desta maneira un tipo impositivo en concepto de incremento do valor de terreos de natureza urbana.

Estamos ante un imposto local e de carácter potestativo, e dicir, non é obrigatoria a súa aplicación, tal e como está regulado no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, e demais disposicións legais”, apuntou Doval, quen lembrou que o Tribunal Constitucional, en Sentencia 59/2017 do 11 de maio, declarou este imposto como nulo nos casos nos que non se produza un aumento real do valor do inmoble.

Neste sentido, desde o Partido Popular de Oroso defenden que este tipo impositivo naceu coa intención de gravar os negocios especulativos co solo urbanizable e converteuse, din, nunha “verdadeira máquina de esquilmar aos contribuíntes”.

No caso das herdanzas, indicaron, a tasa non deixa de ser un imposto de sucesións encuberto. “Mentres a Xunta de Galicia exime deste tipo impositivo autonómico ao 99 % das herdanzas, en concellos coma o de Oroso temos o noso particular imposto de sucesións”, lamentan.

Neste sentido, os populares subliñaron que o pasado  día 2 de setembro do 2019 solicitaron ó alcalde que lles facilitase o acceso a todos os expediente polos que se impuxo o Imposto de Plusvalía Municipal en Oroso durante un período concreto, co fin, indicaron de poder analizar se algún dos supostos podía acollerse ao que expón o Tribunal Constitucional. “Novamente o Goberno Local, ca súa política de nula transparencia, nos envolveu con máis dun trimestre burocrático para finalmente non permitirnos acceder aos expedientes solicitados”, concluíu o popular.