B27C2F1

O PP pide a permanencia do Rexistro da Propiedade en Muros

Como xa manifestamos anteriormente o grupo popular muradán defende a permanencia do servizo do Rexistro no concello de Muros. Ante a publicación do RD 195/2017, de 3 de marzo, polo que se modifica a demarcación dos Rexistros da Propiedade, Mercantís e de Bens Inmobles, no que se agrupa o rexistro de Muros co de Corcubión, fixemos varias xestións ante a Xunta de Galicia, para recabar información sobre este tema.

De non ser viable a permanencia da capitalidade, debe garantirse que a prestación dos servizos que ofrece a oficina do Rexistro se manteña na súa totalidade. Neste sentido, segundo nos informan dende a Dirección Xeral de Xustiza, a competencia para estas cuestións é do Estado, pero entenden que, segundo recolle o propio Real Decreto a agrupación é estritamente funcional, xa que as oficinas xa existentes se manteñen abertas ao público para tódalas operacións que lle son propias, dito doutro xeito, non hai ningunha localidade que contara con Rexistro, na que se vaian pechar oficinas. Di o RD na Disposición adicional primeira que “...manteránse abertas ao público as oficinas xa creadas, nas que no seu caso, se seguirán desenvolvendo as funcións correspondentes á xestión da Oficina Liquidadora ou outras complementarias. Nestas oficinas poderán efectuarse polos usuarios presentacións e retiradas de toda clase de documentos, así como solicitar e obter publicidade formal e tódalas demáis operacións propias das oficinas principais do Rexistro da Propiedade coas que foran agrupadas.”

Consideramos que debe manterse a capitalidade do rexistro no noso concello,e en calquera caso, garantirse o servizo. E neste sentido entendemos que debe ser o Concello de Muros o que lidere calquera iniciativa que se poida levar a cabo, contando, por suposto, con tódolos grupos municipais. A pesar de que se ven publicando na prensa que fomos convocados para unha reunión que se vai celebrar este xoves no concello, a data de hoxe non recibimos ningunha convocatoria ou escrito nese sentido, polo que entendemos que, de non recibila, esa iniciativa nace coxa, ao non contar o goberno de CxG co resto de grupos presentes na corporación.

Entendemos que se deberan articular tódalas medidas precisas para que se cumpra o disposto no decreto en canto ao mantemento das oficinas rexistrais de atención ao usuario, incluíndo a posible creación dunha comisión no seo da corporación para facer un seguimento desta cuestión. O mantemento dos servizos no noso concello é unha cuestión que debe ser asumida por todos, veciños, colectivos, axentes económicos e sociais e grupos políticos, e require unidade de actuación. Coincidimos en que debemos reflexionar con sensatez sobre o uso real que se fai deste servizo, e nos cambios reais que supón esta modificación, neste coma noutros casos.

Deja una Respuesta