2017-06-20 TUNEL PONTE PEREDA 4

O PP pide acondicionar e mellorar a iluminación no túnel da rúa Ponte Pereda

O Grupo Municipal Popular propón unha actuación de acondicionamento do túnel da rúa da Ponte Pereda e do seu entorno. Do mesmo xeito e debido ás súas peculiaridades, instan a que se dote de iluminación
permanente esta vía. Varios veciños da zona, así como persoas usuarias deste itinerario peonil, trasladáronlle ao grupo popular queixas polo mal estado e o escaso alumeado. Tal e como se pode apreciar nas fotografías que se achegan, as herbas e as silvas inzan aos arredores.

Este túnel, construído no seu día con motivo do recheo para a construción da liña ferroviaria e baixo o
que discorre a canle do propio río Sar, conecta a zona da Pontepedriña coa Ponte Pereda.

Este paso subterráneo, duns 70 metros de lonxitude, ten a particularidade de que o seu trazado en ángulo, polo que no día apenas chega a luz á súa parte central, o que fai precisa dunha iluminación permanente que facilite o tránsito polo lugar e dote así de maior seguridade. Na actualidade, o túnel dispón xa de instalación eléctrica, pero unicamente se ilumina de noite. É por iso que os populares propoñen que, co fin de mellorar a accesibilidade e a seguridade, se instalen lámpadas led de consumo eficiente e se incorporen detectores de presenza para axustar o servizo ás necesidades.

Tal e como salienta o grupo popular, a mellora das ribeiras dos ríos no contorno da cidade está a provocar que a cidadanía transite cada vez máis polos camiños e sendeiros habilitados, por motivos deportivos, de lecer ou de comodidade, ao actuar tamén como itinerarios alternativos para a mobilidade peonil ou ciclista entre zonas distantes. É por iso que cómpre mellorar as labores de conservación e mantemento regular, especialmente no caso do río Sarela, e no tocante tamén á dotación de imprescindibles elementos complementarios de seguridade, como balizamentos, proteccións e iluminación.

Deja una Respuesta