image

O PP pide axilizar o contrato de Axuda no Fogar para non perder fondos

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, reclamoulle hoxe ao Goberno de Compostela Aberta “a maior axilidade” nos trámites para a posta en marcha dun novo contrato do servizo de Axuda no Fogar, que lle dea resposta á necesidades da veciñanza e que evite a perda de financiamento autonómico para este servizo de competencia municipal, destinado principalmente á atención de persoas que teñen limitada a súa autonomía.

Segundo se puxo de manifesto en rolda de prensa, a situación deste servizo ten empeorado no seu conxunto nos últimos meses, posto que na actualidade o Concello unicamente está a prestar o servizo ao 35% das persoas que o teñen solicitado (86 beneficiarios), mentres 157 persoas -31 máis que hai só 3 meses- permanecen á espera de obter unha axuda do Concello.

Para o portavoz popular, “Santiago continúa a perder máis da metade das horas de servizo de que dispón: é dicir, das preto de 9.000 horas ao mes asignadas ao Concello pola Xunta, o Concello unicamente está a empregar apenas 4.000 (4.031), deixando perder preto de 5.000 horas (4.899) para atender as necesidades das persoas que –en maior ou menor medida- teñen falta de autonomía e precisan este tipo de axudas. Isto fai que o Concello de Santiago teña unha ratio de atención –a diferenza entre as horas efectivamente prestadas e as necesidades reais dos demandantes logo da súa avaliación- dun 54,36%, a porcentaxe máis baixa das grandes cidades de Galicia, onde Ourense e Lugo superan o 90%. “Resulta curioso que sexan as cidades con gobernos na órbita das Mareas de Podemos –Santiago (54,36%), A Coruña (69,86%) e Ferrol (70,75%)- as que, xunto con Vigo (60,78%), presentan a menor ratio de atención na prestación neste importante servizo de asistencia domiciliaria”.

Para o Grupo Popular, na xestión deste servizo o Goberno local actuou cunha “total desidia e sen a máis mínima previsión”, ao renunciar a formular e articular unha fórmula alternativa que lle permitira empregar os recursos dispoñibles escudándose na imposibilidade de modificar o contrato existente; ao deixar esgotar e prorrogar o contrato deste servizo no mes de abril de 2017 sen iniciar coa antelación necesaria o novo procedemento de contratación -a pesar de afirmar que non daba resposta ás necesidades, que non permitía incrementar as horas de atención dispoñibles que financiaba a Xunta e obrigando á empresa a manter o servizo cando esta tiña manifestado por escrito o seu desexo de non continuar 7 meses antes de rematar o período contractual-. O Goberno tamén demorou a elaboración dos pregos e o procedemento de licitación, que se iniciou a finais do pasado mes de xullo pola Xunta de Goberno e que actualmente se atopa en fase de presentación de ofertas.

Agustín Hernández sinalou que “o Concello leva máis de un ano perdendo un inxente cantidade de recursos asistencias que se concretan nun promedio de 5.000 horas de atención mensuais que podería ter financiado a Xunta de Galicia. E, o que é máis importante, mentres se perden eses recursos, 157 persoas con problemas de autonomía para desenvolver as actividades na súa vida diaria seguen á espera de que o Concello lles dea resposta ás súas demandas”.

O portavoz popular rematou indicando que “xa que ata o de agora non houbo dilixencia nin vontade de atopar solucións, que, polo menos, no que queda de ano e de mandato de Compostela Aberta se axilice a posta en marcha dun novo contrato e que este permita empregar e distribuír os importantes recursos facilitados pola Xunta que a día de hoxe se están a perder.”

Deja una Respuesta