20170914 SantiagoEnCamiño

O PP pide bonificacións fiscais para as empresas que se instalen en Santiago

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, unha iniciativa para que o concello de Santiago se adhira ao convenio de colaboración, asinado entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias para a captación de investimentos nos concellos, e entre así a formar parte dos concellos que fan empresa en Galicia (‘Concello Doing Business en Galicia’). “Asinando este convenio estarase fomentando a implantación de empresas no marco municipal”, indicou.
“Queremos que Santiago forme parte das administracións colaborativas co emprendedor para crear postos de traballo e incrementar así o tecido empresarial no noso concello”, destacou o voceiro popular. Un concello que fai empresa en Galicia será aquel que, dentro das súas posibilidades legais, ofreza ás empresas que vaian instalarse nalgún dos seus polígonos industriais rebaixas de ata o 95% no Imposto de Bens Inmobles, o Imposto de Actividades Económicas e o Imposto sobre Construción, Instalacións e Obras. Tal e como detallou o portavoz popular, estas bonificacións establécense a cambio dun compromiso de creación de emprego por parte das empresas. “Isto é: ata o 95% de bonificación cando o proxecto implique a creación de máis de 20 postos de traballo; de ata o 75%, cando supoña a contratación de entre 11 e 20 persoas; e como mínimobeneficiaranse dunha rebaixa do 50% nestes impostos se son ata 10 o número de empregos previstos”, explicou.
Coa adhesión a esta iniciativa da Xunta de Galicia, outro dos compromisos que asumiría o concello de Santiago sería o de “non esixir a taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos empresariais vinculados aos obxectivos da Industria 4.0. e dos proxectos vinculados ás novas tecnoloxías e da estratexia de especialización intelixente que ten implementada a Xunta de Galicia en I+D+I.
Agustín Hernández destacou o “efecto multiplicador” da iniciativa: “Ao mesmo tempo que se apoia á implantación do tecido empresarial, os concellos terán un tratamento preferente na concesión de axudas autonómicas destinadas a impulsar a industria, o emprego ou o emprendemento”.
Para finalizar, Agustín Hernández avogou por aproveitar todas as oportunidades que hai enriba da mesa e as potencialidades do noso territorio: “O obxectivo é facer de Santiago un concello atractivo para o investimento”.

Deja una Respuesta