IMG_4298

O PP pide explicacións a CA por a perda dunha subvención europea de 5 millóns

A concelleira do Grupo Municipal Popular, María Corral, interésase polas previsións e plans do Goberno local ao respecto do proxecto de loita contra a pobreza Green4Hope, tras a perda dos fondos europeos do programa Urban Innovative Actions. Segundo as informacións das que dispón o grupo popular, o concello de Santiago quedou excluído da axuda de 5 millóns de euros.

A edil popular, que lamenta a oportunidade perdida para a cidade, insta ao goberno de Compostela Aberta a que explique os motivos desta perda e informe das previsións ao respecto de participar na segunda convocatoria, que se abriu este mesmo mes de novembro. Tal e como recorda, o pasado mes de marzo, o Goberno local presentaba Green4Hope, un proxecto elaborado polas concellerías de Políticas Sociais, Medio Ambiente e Convivencia e Medio Rural, que tiña como obxecto o desenvolvemento dun proxecto de loita contra a pobreza humana en Santiago. Compostela Aberta orzamentábao en 6,2 millóns de euros, dos cales o 80% do financiamento -cinco millóns de euros- estaría subvencionado con cargo aos fondos FEDER.

María Corral solicita ao Goberno local que clarifique os motivos desta perda e aclare as razóns polas que non informou nin á veciñanza nin aos grupos da oposición. Para a concelleira, é unha mostra máis da falta de transparencia e participación de Compostela Aberta.

A concelleira popular recorda as moitas dúbidas que formulaba a proposta Green4Hope sobre a viabilidade e o destino da subvención, motivadas pola inconcreción e a falta de rigor que presentaba o documento remitido. Neste senso, María Corral incide nas referencias xenéricas á pobreza e á exclusión social, así como tamén á ausencia dunha análise precisa destes aspectos en Santiago: “Non era un proxecto pensado e elaborado para Santiago, senón que pola súa inconcreción podería ser aplicable a calquera cidade do mundo”.

Asemade, explica que un dos aspectos que máis se valora neste tipo de convocatoria é a innovación, “algo do que carecía Green4Hope se temos en conta que se presentaba como innovador as hortas comunitarias vinculadas ao desenvolvemento local, inclusión social e educación medioambiental, un proxecto que desde os anos 70 se leva aplicando noutras cidades”. A propia Intervención Municipal tamén puxo enriba da mesa moitas dúbidas ao respecto do compromiso dos socios executores e á contratación do persoal externo. E nese senso, María Corral recorda que un dos aspectos máis cuestionables do proxecto era o reparto do orzamento: “Compostela Aberta prevía que os cinco millóns de euros se destinasen da seguinte maneira: 2,5 millóns -a metade da axuda- a gasto de persoal, administrativo, viaxes e aloxamento; 1,5 millóns a servizos e expertos externos e, o resto
-un millón-, a gasto de equipamento e infraestrutura”.

Deja una Respuesta