20170914 SantiagoEnCamiño

O PP pide melloras para protexer o arte rupestre de Santiago

O portavoz do Grupo Municipal Popular, Agustín Hernández, presentou, esta mañá, “unha iniciativa de urxencia” para que o Goberno de Compostela Aberta se sensibilice coa protección do patrimonio rupestre: “En Santiago, temos abundantes gravados nas rochas que se estenden por diferentes lugares do noso termo municipal cuxa antigüidade pode remontarse a máis de 4.000 anos”.
Tal e como salientou o voceiro popular, é imprescindible que todas estas obras primitivas sexan inventariadas e dadas a coñecer para valorar o seu significado e protexelas para o futuro. “Non se protexe o que non se coñece”, incidiu Agustín Hernández, quen recordou os estragos producidos hai uns días nun dos conxuntos rupestres de Villestro, no transcurso duns labores de roza e limpeza do terreo por parte do seu propietario, e tamén os que tiveron lugar o verán pasado polas cadeas dunha escavadora que deixou marcas nun petróglifo no lugar do Agro do Campo. É por iso que os populares ven urxente que o concello leve a cabo canto antes accións para protexer e dar a coñecemento xeral estes xacementos artísticos. Neste senso, a través dunha moción no vindeiro pleno, reclaman a limpeza do seu contorno e a completa sinalización sobre o terreo con información dos propios gravados.

“É esta, ademais, unha iniciativa recordatorio dos deberes incumpridos de Compostela Aberta”, salientou Agustín Hernández. En setembro de 2016, o pleno aprobou por unanimidade unha proposición presentada polo grupo popular para o impulso do centro de interpretación de Villestro e a catalogación do patrimonio rupestre existente en Santiago. Das accións propostas daquela –a realización dun inventariado detallado dos petróglifos, a solicitude á Xunta da súa declaración, catalogación en inclusión no inventariado de Bens de Interese Cultural de Galicia e a posta en marcha dun conxunto de medidas para a súa promoción e difusión-; “o concello non fixo absolutamente nada” para a protección e difusión deste legado milenario. “Os únicos adiantos –engadiu Agustín Hernández- son os levados a cabo polo Goberno galego, en colaboración co colectivo A Rula, na catalogación de medio centenar de gravados, boa parte deles situados na parroquia de Villestro”.
Abonda con visitar os lugares dos achados e falar cos veciños para comprobar a falta de información e de coñecemento xeral sobre este patrimonio, así como as dificultades para atopar as estacións e apreciar os gravados, sen ningún tipo de referencia, rodeados pola maleza e mesmo por lixo, tal e como puido comprobar o grupo popular nun lugar tan emblemático como a Devesa da Rula, na parroquia de Villestro. E é que, a pesar da aparente dureza do seu soporte, estes gravados resultan moi fráxiles, posto que se vén ameazados polos perigos dos incendios forestais –que fan escachar as rochas- e tamén pola acción humana, “case sempre vítimas do descoñecemento e da falta de información”. É por iso polo que precisan dunha especial protección que garanta a súa conservación e a súa posta en valor.
Centro de Interpretación de Arte Rupestre
Ao longo do 2014, durante o goberno de Agustín Hernández, leváronse a cabo distintas iniciativas nese senso, entre as que destacou a creación do Centro de Interpretación de Arte Rupestre no edificio da antiga escola de Villestro, a creación dunha páxina web para difundir esa riqueza e outras actividades paralelas. Coa chegada de Compostela Aberta, o centro permanece pechado e a labor de promoción e difusión municipal caeu no esquecemento.

Obras no pavillón municipal do CEIP Monte dos Postes
Por outra banda, os populares recollen tamén o malestar das nais e pais do alumnado do CEIP Monte dos Postes pola decisión do goberno de Compostela Aberta de pechar o pavillón municipal sen informalos previamente.
E é que tal e como denuncian, desde hoxe e durante un período aproximado de dous meses, debido ás obras na cuberta e de mellora da iluminación, o pavillón queda inhabilitado tanto para as clases coma para o desenvolvemento das actividades extraescolares. É xustamente este último punto o que provocou a súa indignación, xa que o venres pasado o concello aínda non se puxera en contacto nin lles dera ningún tipo de alternativa, co fin de atopar a mellor solución aos problemas de conciliación xurdidos pola decisión de Compostela Aberta de iniciar as obras sen comunicalas coa suficiente antelación.
Tal e como poñen de manifesto os populares, estas obras foron adxudicadas no mes de agosto, polo que é incomprensible que ningún membro do goberno, nestes máis de dous meses, non se puxera en contacto coa comunidade escolar para informar do peche das instalacións, así como para coordinar as súas consecuencias, xa que, polo número de actividades que albergan, pode ocasionar graves prexuízos ás familias.

Deja una Respuesta