image

O PP pide novas explicacións pola tubaxe de Pontenova a Teo

O Concello sustraeu un pequeno tramo da tubaxe recentemente instalada entre Pontevea e Teo para a súa análise. Esta actuación do goberno local alertou ao grupo municipal popular que, tras reiteradas demandas de explicacións ao executivo, agora constata as numerosas incertezas que pesan sobre a obra.

Aparentemente, esta obra rematouse no outono de 2014 pero non se lle deu aínda servizo á veciñanza. Durante máis dun ano, o grupo popular ven de preguntar públicamente e en sucesivas ocasións que está acontecendo con esta actuación coa que o goberno de Noriega executaba a ampliación da rede de abastecemento. Pero a pesar da esixencia reiterada de explicacións dende abril do ano pasado, o executivo local segue sen pronunciarse.

Con estes precedentes, o voceiro do grupo popular, José Manuel Guerra, rexistrou un escrito formal á Alcaldía no que se pregunta que circunstancias motivan ese levantamento parcial da tubaxe, con que finalidade se fai e se o levantamento está relacionado coa parálise da posta en funcionamento. Igualmente, pregunta se esta operación vai ter un sobrecusto para a veciñanza, e anuncia que estará "moi vixilante con esta actuación e non permitirá que calquera nova manobra lle custe un só euro aos teenses".

A través do Plan de Obras e Servizos do ano 2013 da Deputación, o Concello de Teo aprobou a obra da ampliación da rede de abastecemento de auga potable entre Oliveira e Fontenlo. A mencionada execución ten como obxectivo achegar o abastecemento de auga potable ata a parroquia de Santa María de Teo. Para iso foi preciso acometer unha canalización de 1.800 metros cun orzamento que ascendeu aos 232.000 €.

Deja una Respuesta