OLI-FOTO

O PP pide o apoio do pleno de Ames ás Forzas e Corpos de Seguridade

O Grupo Municipal Popular do Concello de Ames levará ao Pleno da Corporación unha moción de apoio e respaldo ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

A iniciativa pretende que a Corporación Local manifeste unanimemente o seu apoio e respaldo a Policía Nacional e Garda Civil no seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades de todos os cidadáns e, especialmente, como garantes da legalidade constitucional, a soberanía nacional, o Estado de Dereito, a democracia e a convivencia entre todos os españois.

Desde o pasado día 20 de setembro, data na que se ordenou por parte do Xulgado de Instrución nº 13 de Barcelona a práctica de dilixencias de entrada e rexistro en distintas consellerías e organismos técnicos da Generalitat de Cataluña, e ata o domingo 1 de outubro, día en que se tratou de celebrar o referendo ilegal prohibido polo Tribunal Constitucional, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado foron obxecto dun acoso constante coa finalidade de impedir aos seus axentes o lexítimo exercicio das súas funcións.

Grazas á maioría dos medios de comunicación, toda a sociedade presenciou o enorme clima de hostilidade e os numerosos ataques que sufriron os membros da Policía Nacional e a Garda Civil polo simple feito de realizar o seu labor: defender o Estado de Dereito e manter a orde pública.

As explosións de violencia ás que nos referimos teñen que ver cos chamados delitos de odio e son incompatibles con calquera sistema democrático. Non ten cabida, por tanto, ningún tipo de actitude violenta ou coacción co fin de defender un posicionamento político ou ideolóxico; por iso é deber e obrigación de todos os partidos democráticos rexeitar e condenar calquera comportamento de natureza violenta-independentemente da ideoloxía en que se amparen- así como calquera acción xustificativa dos mesmos, e mostrar o seu apoio ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado no seu labor de defensa e protección dos dereitos e liberdades de todos os cidadáns.

Dáse o paradoxo que o pasado venres 20 de outubro, mentres nunha das dependencias do Concello de Ames estaba a celebrarse a Xunta Local de Seguridade, noutra, o Bloque Nacionalista Galego, a formación nacionalista que, xunto con PSdG e Contigo Podar, forman o Tripartito que goberna en Ames, votaba en Comisión Informativa, xunto con Ames Novo, en contra da proposta Popular. Este posicionamento previo da formación nacionalista pretende, en opinión dos populares, marcarlles o camiño aos seus outros dous socios de goberno local, polo que desde o Partido Popular lamentamos que o alcalde socialista, José Miñones, poida aliñarse cos sectores máis radicais da corporación, e faga que a proposta non prospere pola súa negativa para apoiala.

Deja una Respuesta