IMG_3106

Piden o cambio de nome do campo do Praíña en homenaxe a Juan Amado

O Praíña Sporting Club desexa que o seu campo de fútbol leve o nome de Juan Amado. Os populares teenses rexistraron unha moción para que a corporación aprobe a denominación solicitada de "Campo Municipal Juan Amado". Este coñecido teense, recentemente falecido, desenvolveu un traballo abnegado dentro do clube dende a súa propia fundación.

O 17 de decembro morría Juan Amado, "un teense xeneroso e querido non soamente para o Praíña Sporting Club senón para todas aquelas persoas que tiveran a honra de compartir con él uns momentos da súa vida", segundo manifesta José Manuel Guerra, o voceiro popular teense.

Días máis tarde, o 2 de xaneiro, o Presidente da entidade rexistraba neste concello un escrito no que se trasladaba o seu desexo de honrar e homenaxear a Amado polo seu “traballo e entrega ao clube e ás súas instalacións dende a súa fundación” en nome dos socios e afeccionados do equipo de fútbol de Reis.

Os populares teenses, na honra “deste teense de pro e como símbolo de recoñecemento e agradecemento a todas aquelas persoas que, alonxadas dos focos mediáticos, son os auténticos protagonistas do deporte” consideran que a proposta do clube debe valorarse positivamente e debe efectuarse o cambio de denominación tal e como solicitan xa que consideran que persoas como Juan Amado son as que “fan grande o deporte no día a día e na vivencia máis cercana a cativos e maiores, dedicando altruistamente tempo, traballo e esforzos”.

Deja una Respuesta