20160920 Fotografía Sánchez-Brunete

O PP pide que aparten a María Rozas do proceso dos Orzamentos Participativos

O concelleiro do Grupo Municipal Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, volveu reiterar esta mañá a necesidade de que o Goberno de Compostela Aberta “dote de todas as garantías” o desenvolvemento dos Orzamentos Participativos: “Onte coñecemos un motivo máis de descrédito, que sitúa a súa xestión no ámbito do ridículo. E é que Compostela Aberta proclama uns resultados e dez días despois proclama outros”. Para o edil popular, o Goberno de Martiño Noriega podería recibir “o premio da asociación nacional de trileiros”, por un proceso con máis sombras que luces.

Tras coñecerse a última das irregularidades, os populares instan ao alcalde a que aparte á concelleira María Rozas como responsable deste proceso, tras quedar inhabilitada para desempeñar esa función ao non ser quen de garantir a integridade e a seriedade en todo momento. “Non se trata só de substituíla por ter ideado un mecanismo sen garantías, senón tamén pola súa falta de humildade para recoñecer eses fallos”, salientou Sánchez- Brunete, que aproveitou para recordar a actitude soberbia da edil no pasado pleno, no que compareceu –a iniciativa do grupo popular- para dar conta da investigación aberta pola Axencia Española de Protección de Datos, tras unha denuncia por suplantación de identidade, e tras advertirse un tráfico irregular de datos cara empresas privadas. E é que tal e como incidiu Sánchez-Brunete, “negou evidencias e non recoñeceu fallos evidentes nun proceso que fai augas por todas partes”, incidiu.
O concelleiro popular considera que, no caso de que Compostela Aberta se empeñe en seguir adiante cos Orzamentos Participativos, debe ser o alcalde quen, tras retirarlle as competencias do proceso a María Rozas, asuma o control e corrixa todas as deficiencias detectadas.
Para o edil popular, os Orzamentos Participativos de Compostela Aberta son o intento imposible de reiventar a democracia pagando diñeiro a unha empresa privada: “Os artificios dan os resultados que dan: un proceso desacreditado e sen garantías”, e lamentou que se xogue coa boa fe dos veciños.

Un proceso con máis sombras que luces
O proceso dos Orzamentos Participativos sempre xerou dúbidas no seo do grupo popular. Desde o momento en que su puxo en marcha, advertiu de que non se estaba a desenvolver con todas as garantías dun proceso democrático: a aprobación das normas non foi sometida á consulta do conxunto dos cidadáns; non se ofreceu un órgano independente e público que resolvese as reclamacións dos participantes excluídos (como foi o caso da asociación de veciños á que non lle permitiron que se sometese a votación o derrubo da Casa da Xuventude); non se adoptaron medidas para a correcta identificación das persoas con dereito a voto electrónico, non se garantía unha participación asequible para a xente maior ou tampouco non se preveu un quórum mínimo de participación, entre outras cuestións.

A isto hai que sumarlle a investigación aberta pola Axencia Española de Protección de Datos -tras a denuncia presentada por unha veciña de Santiago ao decatarse de que tanto a súa identidade coma a do seu marido foran suplantadas e figuraban como participantes no citado proceso sen ter vontade de facelo-, e un presunto tráfico ilegal de datos entre o concello e as empresas privadas encargadas de desenvolver todo o proceso.

Deja una Respuesta