Piden que o goberno en funcións non pacte con partidos que vulneren a Constitución

O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña, encabezado pola súa portavoz, Rosa Gallego, levará ao pleno que se celebrará este venres unha moción na que pide que o goberno central en funcións non pacte con ningún partido que vulnere a Constitución e o resto do ordenamento xurídico español, provocando desta maneira efectos negativos para Galicia e para a provincia da Coruña.

No texto, os populares tamén demanda que o presidente do Goberno de España en funcións, Pedro Sánchez, non asuma a terminoloxía independentista que pretende substituír o problema de convivencia existente en Cataluña por un suposto conflito político.

“Durante as últimas semanas asistimos a unha progresiva aceptación da linguaxe independentista, pasando do conflito de convivencia en Cataluña, a soster que existe un suposto conflito político. Unha aceptación que lexitima ‘de facto’ as pretensións daqueles que buscan destruír a nosa nación”, apuntou Gallego.

Ademais, desde o grupo provincial do Partido Popular piden a Sánchez que non ceda ante a pretensión independentista de crear unha mesa de negociación institucional entre os gobernos de Cataluña e España, coma se de dúas nacións soberanas tratásese.

As esixencias dos independentistas buscan o establecemento dunha relación bilateral entre Cataluña e España coma se fosen estados independentes e a posta en marcha dunha mesa de diálogo. Pretensións e órganos que se atopan fóra dos establecidos pola Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Cataluña para as relacións entre CCAA e o Goberno de España”, recorda Gallego, que considera inadmisible que estableza dialogo algún fóra das institucións recollidas na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Cataluña.

 

Diferenzas entre rexións

Os populares recordan que cada vez que o PSOE negocia cos independentistas a factura págana os galegos cun recorte no financiamento autonómico, unha diminución dos investimentos, a ruptura da solidariedade entre territorios de España e o agravamento das diferenzas entre rexións.

“Non podemos consentir un acordo que poña en perigo o desigual financiamento das comunidades autónomas en detrimento de Galicia, unha diminución dos investimentos para a provincia da Coruña e o agravamento das diferenzas entre territorios de España”, asegura a portavoz popular.

Por último, a moción pide tamén que o presidente do Goberno faga públicas as esixencias dos independentistas para que todo o pobo español poida coñecer con transparencia as concesións que se realizarán aos independentistas.