VERTEDERO

O PP, preocupado polo estercoleiro da zona da antiga vía do tren en Oroso

O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Oroso, Alexander Doval, mostrouse hoxe “moi preocupado” polo estercoleiro no que se está a converter a zona da antiga vía do tren, na que nos últimos meses acumuláronse restos de chatarra, plásticos, cascallos e todo tipo de materiais de obra.

Desde o Partido Popular lembran que o goberno local adquiriu o uso desta zona mediante o aluguer, co obxectivo de avanzar conxuntamente na posta en marcha do proxecto de ‘Vía Verde’ co resto de municipios da comarca, algo que, segundo Doval, parece “de xeito evidente, esquecido e gardado nalgún caixón do despacho do alcalde como tantas e tantas cousas en Oroso”.

Neste sentido, o portavoz dos populares en Oroso mostrou o seu total apoio ao proxecto de ‘Vía Verde’, e instou ao executivo local, encabezado por Manuel Mirás, “a deixar de mirar para outro lado” á hora de tomar medidas que permitan poñer fin a vertedura incontrolada de cascallos nunha zona que non está habilitada para iso.

“Trátase de terminar cun problema que atenta directamente contra o medio ambiente”, dixo Doval.
Por todo iso, desde o Partido Popular urxen ao executivo local a que tome medidas para limpar e acondicionar a zona e controlar que non se repita a vertedura e depósito de máis cascallos neste lugar, para comezar o proxecto de ‘Vía Verde’.

Deja una Respuesta