WhatsApp Image 2019-03-11 at 13.24.39 (2)

O PP presenta o proxecto do aparcamento do Campus Sur

O presidente e candidato do Partido Popular de Santiago, Agustín Hernández, presentou hoxe en rolda de prensa o proxecto do apartamento do Campus Sur, que significará unha “importante revolución na mobilidade de Santiago. Esta medida, que xa se iniciou no ano 2015, busca converter Santiago nun exemplo de sostibilidade e lograr a recuperación da cidade para os veciños.

 

Hernández subliñou que Santiago precisa “pechar un mandato en branco, sen planificación”, polo que o Partido Popular considera imprescindible que a vindeira lexislatura sexa “a de as persoas, polo que no noso programa estamos a recoller distintas actuacións que avanzan na liña de humanizar a cidade, cun modelo propio, adaptado á realidade da capital de Galicia”.

 

“Non pode existir unha planificación seria da mobilidade sen resolver o problema de aparcamento e do transporte público, por iso, a nosa primeira medida é a recuperación dun traballo iniciado hai 4 anos, que significa o compromiso coa rehabilitación dunha gran área do Campus Sur, é dicir, un compromiso da cidade coa Universidade”, explicou.

 

Durante a súa comparecencia, Agustín Hernández aclarou que “estamos a falar dunha actuación que é posible executar a través de TUSSA ou mediante unha concesión, que significará un aparcamento con prazas para residentes e con tarifas semellantes ás de Xoán XXIII”.

 

Este proxecto poderá levarse a cabo por fases ou de xeito íntegro, segundo cause menos problemas para o tráfico. “Estamos a falar dun investimento de case 10 millóns de euros, para unha infraestrutura que contará con 625 prazas e 18.500 m2 de urbanización e 17.000 de superficie construída en dúas plantas”, explicou.

 

Hernández remarcou que o aparcamento tería acceso desde a rúa Rosalía de Castro e podería ser realidade no vindeiro mandato.

 

Outras medidas

O presidente do Partido Popular de Santiago reiterou que esta é unha das primeiras medidas para a mellora da mobilidade na capital de Galicia, pero “non a única, posto que o noso compromiso pasa por distintas actuacións, como a de modificar o sistema da ORA, co fin de beneficiar aos residentes e posibilitar a rotación e a gratuidade aos veciños da nosa cidade”.

 

Agustín Hernández indicou que, “como xa dixemos milleiros de veces, traballaremos para facer efectiva a rotación no aparcamento disuasorio de Pontepedriña, que tantas veces reclamamos ao longo desta lexislatura e que o Goberno local foi incapaz de acadar”. “Tamén, dixo, ampliaremos a rede de aparcamentos de borde, a través da adecuación de espazos como a zona situada nas inmediacións ás vías do tren xunto a Colexiata e rotonda de Sar, ou espazo situado baixo o viaduto do periférico en Cornes”.

 

Finalmente, Hernández concluíu en que “estas son medidas para fomentar a mobilidade, o que pasa, ademais, por mellorar o transporte público, con accións como establecer a gratuidade para os menores de 19 anos e levar a cabo o desbloqueo e a implantación dun novo contrato para este servizo”.

Deja una Respuesta